A 'narcoavogada' Tania Varela pide "unha sentenza xusta" e que se declare a súa "inocencia"

O representante do Ministerio Público pide para ela tres anos e medio de prisión polo presunto branqueo de diñeiro procedente do narcotráfico

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2019 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

A Sección Cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra deixou este xoves visto para sentenza o xuízo contra a 'narcoavogada' Tania Varela, polo presunto branqueo de diñeiro procedente do narcotráfico.

Na segunda sesión do xuízo oral, e unha vez terminados os informes da Fiscalía e da defensa, a maxistrada presidenta preguntou á acusada se tiña algo que manifestar ao Tribunal, ao que ela respondeu afirmativamente, acolléndose ao seu dereito á última palabra. "O que lles quero pedir é unha sentenza xusta", dixo Tania Varela, que reclamou que se declare a súa "inocencia" para poder "restablecer todo o que se verteu" sobre ela.

Reafirmando as teses que acababa de defender o seu propio avogado, a cambadesa insistiu en que "de toda a proba practicada, nada desvirtuou de ningunha maneira a presunción de inocencia" e que o fiscal Antidroga, Pablo Varela, "non foi capaz de probar" que os fondos cos que adquiriu a metade dunha leira en Porto Meloxo (O Grove) e un Audi A3 "procedían do narcotráfico".

Na sesión deste xoves compareceron ante a Sala tres testemuñas. O primeiro foi o antigo patrón maior da Confraría de Cambados, Benito González, que explicou que durante unha época a procesada fixo traballos para a entidade e que lle pagaron por iso.

Tamén declarou Marcos Cacabelos, o socio co que Tania Varela constituíu a sociedade investigada, Promocións Rialto, agora en mans da Sareb. Este home, que xa foi condenado de conformidade nesta mesma causa por branqueo, non puido achegar a documentación fiscal da sociedade nos anos investigados (2005 e 2006), pero indicou que daquela Tania era unha avogada de éxito que gañaba moito diñeiro.

A terceira testemuña, Andrés Karim Mallot, interviu por videoconferencia. Trátase dun home condenado xunto a ela polo alixo de 2.000 quilos de cocaína. El recoñeceu que acompañou a acusada a asinar ao notario a adquisición de Porto Meloxo, pero insistiu en que non tivo "ningún negocio con Tania" e que nunca lle pagou nada.

Nas súas conclusións o representante do Ministerio Público considera probado que Varela se enriqueceu "co produto da venda de sustancias estupefacientes" e elevou a definitiva a súa petición de condena de tres anos e medio de prisión.

Xuízo en Pontevedra á avogada Tania Varela, acusada de estar vinculada ao na. Jesús Fernández - Europa Press
Xuízo en Pontevedra á avogada Tania Varela, acusada de estar vinculada ao na. Jesús Fernández - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta