O Concello pontevedrés e ecoloxistas ven na nova postura do Estado certa "esperanza" para que Ence marche da ría

O Ministerio de Transición Ecolóxica incide en que a prórroga do Goberno do PP "incorre en distintos vicios de incorrección legal". O PP de Pontevedra acusa a Pedro Sánchez de dar unha "puñalada trapera" coa súa "orde" en contra da prórroga.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2019 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

O goberno municipal de Pontevedra, a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) e Greenpeace valoraron como unha "boa noticia" que o Estado desistise de defender a prórroga da concesión de Ence -outorgada en xaneiro de 2016 polo executivo en funcións presidido por Mariano Rajoy- nos procedementos abertos na Audiencia Nacional impulsados por estas tres entidades.

A tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, Carme da Silva, considera que "se abre unha porta de esperanza a que esa prórroga de 60 anos non se efectivice e que Ence se vaia da súa actual localización e se poida recuperar a ría". Destaca que esta decisión do Goberno chegue cando "Ence cría que tiña todo atado e ben atado", como ao seu xuízo demostran "as campañas enormemente agresivas" que ten a pasteira nos medios.

Da Silva compareceu este xoves en rolda de prensa para valorar esta decisión que, segundo entende, deixa "vía libre" nos tres procedementos que actualmente se seguen na Audiencia Nacional por esta prórroga "irregular" e que "non é conforme a Dereito"segundo o Estado. "No futuro xa se verá o que pasa", comentou a portavoz municipal.

O goberno local do BNG sempre sostivo que utilizaría "todos os medios administrativos, xurídicos, políticos e sociais" para conseguir o obxectivo de que "Ence desapareza da súa localización na ría de Pontevedra" e poder recuperar esta contorna natural. Carme da Silva expresou unha "satisfacción moderada" e felicitou os servizos xurídicos municipais polo seu traballo "intenso e constante" materializado nos recursos "dunha complexidade enorme" nas distintas "frontes xurídicas" que teñen expostos nos tribunais.

A AVOGACÍA DO ESTADO DÁLLES A RAZÓN

Neste caso, o Concello solicita a declaración a nulidade da resolución emitida o 20 de xaneiro de 2016 pola Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, que outorgou a Ence a prórroga para manter a súa actividade en Lourizán.

Dous dos razoamentos que o Concello alega como causa de impugnación son o tempo da prórroga e a localización da pasteira. No primeiro caso, argumenta que o prazo máximo de concesión en dominio público marítimo terrestre é de 75 anos desde o inicio da concesión no ano 1958, "polo que nunca podería ir máis aló do 2033", explica a edil. É dicir, a prórroga debería ser de 20 anos, polo que a que se aprobou de 60 anos "supera con fartura o período máximo".

Outra cuestión alegada polo Concello é que "non se xustifica" na orde ministerial recorrida "a necesidade de que esa actividade permaneza en terreo de dominio público marítimo terrestre", xa que está establecido que tan só poderán continuar nestas áreas "aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outro emprazamento".Do mesmo xeito que no anterior argumento, nesta cuestión "tamén dá a razón a Avogacía do Estado", puntualizou a tenente de alcalde.

Sobre o futuro xurídico deste caso a tenente de alcalde preferiu non facer consideracións. "Só facemos declaracións cando temos papeis", concluíu.

A APDR CRE QUE "NON DEBERÍA ESTAR NA RÍA DESDE XA"

Pola súa banda, o presidente da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Antón Masa, considera que na práctica este paso do Estado pode supor que Ence "podería estar como moito ata 2033", ao cumprirse o límite de 75 anos desde 1958. "Seguiremos loitando para que non se cumpra nin sequera ese prazo", engade.

A APDR sóbese a un veleiro en contra de ENCE na ría. EUROPA PRESS - Arquivo
A APDR sóbese a un veleiro en contra de ENCE na ría. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Subliña que "en Ence, igual que en Elnosa, hai causas de caducidade da concesión e non debería estar na ría desde xa". "Que se cumpra a lexislación e se vaia da ría igual que se fixo con Elnosa", di Masa.

GREENPEACE VEO "MOI POSITIVO"

Greenpeace ve "moi positiva" a decisión do Goberno, dado que "cambia de paradigma" ao recoñecer que "a extensión da concesión non é conforme a dereito e que os usos son incompatible co espazo marítimo-terrestre".

En declaracións a Europa Press, Pilar Marcos, de Greenpeace, expresa que "oxalá" isto axude á saída de Ence da ría, porque "a reforma da lei de Costas de Cañete en 2013 era unha amnistía xeralizada a moitas actividades que eran incompatibles co valor natural da costa, entre outras Ence". Con todo, deixa claro que "terá que resolver a xustiza". Recrimina "este ruído que fai a empresa outra vez falando dos postos cando sabe que está en territorio público e que está a contaminar a ría".

CRÍTICAS DO PP

O presidente do PP local de Pontevedra e candidato á alcaldía, Rafael Domínguez, acusou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de dar unha "puñalada trapera" coa súa "orde" para que o Estado desista de defender a prórroga da concesión de Ence.

O popular carga contra Sánchez pola súa "orde" para que "non se defendan os intereses de Ence e de todos os pontevedreses". "Xa o fixo mal con Alcoa e agora remátao con Ence", apostila.

Nunha comparecencia coa secretaria local do partido e número dous da súa candidatura, Pepa Pardo, Rafael Domínguez coincidiu coa empresa Ence ao cualificar a decisión como "un cambio de criterio do Ministerio". "O mesmo Ministerio que deu unha prórroga agora estase a inhibir", insistiu o dirixente popular sobre a dimensión "política" desta medida.

Ademais, o PP de Pontevedra non descarta emprender algunha acción xudicial, mentres está "a estudar o proceso", e comprométese a non quedar "cos brazos cruzados", ademais de apoiar medidas similares que adopte a Xunta.

Como primeira reacción, o portavoz municipal do PP no Concello de Pontevedra presentará unha moción urxente "para pedir explicacións". "Espero que non poñan trabas a que podamos falar disto", engadiu Domínguez, quen presentou ao seu partido como "unha esperanza" que está "ao lado da xente".

"Imos loitar con todas as nosas forzas, a tentalo", explicou Domínguez sobre o futuro das "5.100 familias que viven directamente de Ence en Galicia", das cales 400 corresponden a Pontevedra, máis as 300 asociacións que anualmente "reciben tres millóns de euros para labores sociais e deportivos" a través do Plan Social da empresa, xunto cos propietarios de parcelas de monte e os transportistas. "Se eu fose alcalde, agora durmirían máis tranquilas esta noite, sen tanta incerteza", precisou.

Neste sentido, Rafael Domínguez tamén fixo responsable da "puñalada" a Miguel Anxo Fernández Lores, "o alcalde da cidade con máis paro de Galicia", como lle cualificou, atribuíndolle ademais o "título de campión do paro con carácter vitalicio".

Rafael Domínguez cualificou de "disparate" e "barbaridade" o anuncio por parte do Estado nun "día tráxico para Pontevedra", remarcou.

REACCIÓN DE CIUDADANOS 

O portavoz de Ciudadanos en Pontevedra, Javier Alonso, criticou a decisión do Goberno central. "O tecido industrial é determinante para o desenvolvemento da nosa provincia, por iso queremos trasladar aos pontevedreses que estamos a favor do mantemento do emprego e das industrias pontevedresas", sinalou.

Sobre este punto, Alonso sinalou que a concesión de prorrógaa "in extremis" por parte do goberno do PP "non foi, cando menos, acertada", e atribuíu a esta decisión ao feito de que se "reabra o problema" polss "malas maneiras empregadas para o procedemento de concesión".

Con todo, asegurou que Ciudadanos entende que "Ence conforma o principal tecido industrial da ría de Pontevedra" polo que, segundo indicou, a eliminación da concesión suporía "eliminar uns postos de traballo necesarios e vitais para a comarca".

No entanto, considerou que "non por iso se pode permitir a degradación ambiental da Ría de Pontevedra" e lembra que "existen leis e requisitos ambientais que deben impedir que calquera industria, non só Ence, poidan degradar de calquera xeito o medio ambiente".

POSICIÓN DO MINISTERIO DE TRANSICIÓN ECOLÓXICA

Así mesmo, o Ministerio de Transición Ecolóxica remarca que a prórroga da concesión outorgada en 2016 "incorre en distintos vicios de incorrección legal".

Por iso, o Ministerio indica a Europa Press que actúa "sempre de conformidade co criterio do servizo xurídico", ao que agrega que se trata de "un trámite procesual no desenvolvemento duns litixios abertos cuxa decisión corresponde aos órganos xudiciais". Ademais, limítase a sinalar que "compete a Ence facer uso de todos os medios legais que estime oportunos en defensa dos seus lexítimos dereitos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta