Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2019 | Actualizada ás 14:10
O alcalde de Santiago e líder de 'Compostela Aberta', Martiño Noriega, non comparte as declaracións e críticas de Alexandra Fernández sobre a deriva de Anova, nas que consideraba que esta formación deixou de ser "unha ferramenta útil" para as clases traballadores.
"Evidentemente non as comparto", sinalou Noriega a preguntas dos medios, aínda que aclarou que non está "neste tipo de cuestións", senón "centrado" no traballo no seo de 'Compostela Aberta'.
A deputada de En Marea durante a última lexislatura Alexandra Fernández confirmou este martes a súa baixa como militante da organización nacionalista Anova. Este mércores, considerou na Radio Galega que a formación "certificou que non fará unha lectura crítica" dos últimos anos" e profundará "no sometemento ás esixencias de Podemos".A pesar diso, o rexedor municipal asegurou que lle desexa "o mellor" a Fernández tanto na súa vida persoal como no seu futuro político.
Doutra banda, preguntado polas declaracións do deputado Antón Sánchez (nunha entrevista na Cadea Ser), nas que chamaba á unidade como único camiño para disputar a Xunta ao PP, Noriega reiterou que non valorará este tipo de opinións, aínda que mostrou a súa confianza no seu compañeiro de formación. "Seguro que todo o que dixo Antón Sánchez paréceme ben", sinalou.
CRÍTICAS AO PP
Finalmente, respecto das alusións do popular Agustín Hernández nas que entoaba 'Váyase señor Noriega', o rexedor lembrou que "o feito de que a xente quede ou marche depende do conxunto da cidadanía", como fixo "fai catro anos" a un alcalde "non electo" (en alusión ao portavoz popular).
Así, criticou a deriva do PP, instalado nunha "campaña dura de difamación e crispación" e asentado no "todo vale". "Que imos esperar dun exconselleiro de Medio Ambiente e portavoz que foi denunciar o estado dun río e decidiu tirar merda ao río", sinalou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.