Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2019 | Actualizada ás 14:37
O director xeral de Educación, Manuel Corredoira, negou que en Galicia existan "condicionantes" no programa académico que obriguen a matricularse en relixión no Bacharelato para así cumprir co cómputo horario establecido. "En ningún caso se está a forzar os alumnos a cursar Relixión", insistiu.
Así o respondeu en comisión parlamentaria, ante a pregunta formulada pola deputada do BNG, Olalla Rodil, quen asegurou que en Galicia existe un sistema "perverso" e "inadmisible", que conculcaría "os dereitos do alumnado", ao "obrigar" os estudantes que non queren "cursar estudos de relixión" a "facelo polo cómputo horario e a oferta de materias específicas vixente na actualidade".
Precisamente, o colectivo '#FilosofíaSi', integrado por profesores de Filosofía de Secundaria, presentou este mes unha queixa formal ante o Valedor do Pobo e o Parlamento de Galicia na que alertaban que os alumnos de primeiro de Bacharelato tiñan que cursar Relixión Católica se querían matricularse nunha das optativas autonómicas como Robótica, Antropoloxía ou Coeducación para o século XXI.
Nesta liña, Olalla Rodil expuxo que os estudantes vense obrigados "de facto" a cursar relixión, que ocupa unha soa hora, para así cubrir as seis necesarias se se apuntan a outras que son de tres e dúas horas. En concreto, sinalou que se podería dar esta situación mesmo se cursan Coeducación, de dúas horas, destinada a formar en igualdade, feminismo e prevención da violencia machista.
Ante estas afirmacións, o director xeral de Educación insistiu en que "non é certo que se force os alumnos" a iso, porque "esta polémica que está a tentar expor non existe" e "os alumnos escollen sen ningún tipo de condicionante". "Teñen un bloque de seis horas, que teñen que cubrir cun abano importante" de materias, con materias de "dúas horas que permiten cursar tres materias", agregou. En todo caso, lembrou que "hai centros que poden decidir ter materias dunha soa hora" e así favorecer a organización curricular dos estudantes.
Respecto de se a Xunta vai defender que a Relixión siga figurando como materia optativa en bacharelato, o representante autonómico derivou toda a responsabilidade ao Goberno central, posto que "a Xunta non ten marxe para regular".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.