Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2019 | Actualizada ás 18:53
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, defendeu que a Xunta está pendente do conflito laboral da empresa Bosch de Vigo e avanzou que a Secretaría Xeral de Emprego se reunirá cos traballadores afectados o próximo 2 de abril.
Así o sinalou en resposta a unha interpelación da deputada de En Marea Paula Quinteiro, no día en que se está celebrando un paro de 24 horas na empresa viguesa para mostrar o seu rexeitamento á aplicación dun expediente de regulación de emprego temporal que afecta a 540 traballadores.
Quinteiro alertou da "precariedade" e as condicións "intolerables" que sofren os traballadores do sector de telemarketing, a maioría mulleres, como "presión psicolóxica" e "coaccións". Mentres, sinala, a empresa recibe "beneficios millonarios patentes" e practica a "deslocalización" a outros territorios, a pesar de cobrar subvencións públicas, que achacou ás consecuencias da reforma laboral.
"A patronal non ten vontade negociadora", advertiu, criticando a "estafa" practicada a través dun ERTE "totalmente inxustificado" por parte dunha empresa que "se nega a recolocar" aos empregados noutros departamentos e, ao mesmo tempo, recoñece que ten necesidades de persoal.
"Un discurso baleiro de contido, como sempre", contestou Conde, quen acusou a En Marea de descualificar sen achegar "datos oficiais". Así, asegurou que actúan "tanto como autoridade laboral" como "administración", promovendo "a negociación e o diálogo", revisando toda a documentación presentada pola empresa, as contratacións externas e esixindo as accións formativas ás que os afectados teñen dereito.
Por outra banda, reprochou á formación que faga propostas en Galicia que logo non impulsan "en España", dado que a modificación da reforma laboral é competencia estatal. "Non se pode ter discurso en Galicia e outro totalmente diferente en Madrid".
"NON ESTÁN LEXITIMADOS"
"Fala de todo menos da empresa", espetou Quinteiro, quen reprochou á Xunta a "falta de política industrial" ante a perda de postos de traballo, unhas 22.000 persoas menos. "É impresentable que veña aquí a dar leccións de nada", insistiu, instando a "un mínimo de autocrítica".
"Non pode vir aquí a tentar confundir", defendeu Conde, quen considerou que os parlamentarios de En Marea "non están lexitimados para falar de política industrial", preguntando a Quinteiro se foi a falar cos traballadores de Ence, de Meirama ou de Elnosa.
PNL REXEITADA
Quinteiro referiuse, ademais, ao rexeitamento do PP a unha proposición non de lei defendida polo BNG na mesma sesión plenaria para reclamar á Xunta que se implique "como autoridade laboral" e manteña a súa actividade de mediación no conflito laboral da empresa Bosch, entre outros.
A deputada Montse Prado advertía esta mañá da deterioración dos postos de traballo e nun sector de emprego maioritariamente "feminino", máis do 60%, cuxas traballadoras sofren soldos reducidos e contratos por obra, mentres a empresa aplica un ERTE de "máximos" e "sen tentar minimizar o impacto".
Moisés Rodríguez (PP), pola súa banda, defendía que o Goberno estivo en contacto permanente cos traballadores e coa propia empresa, realizando un "seguimento do proceso" para velar polo cumprimento da legalidade e "preservar" os dereitos laborais. "A sociedade pode estar tranquila", considerou, esgrimindo as cifras de empregos "como as máis altas" dos últimos anos.
Patricia Otero Rodríguez , do grupo socialista, lamentaba pola súa banda que a empresa, "a segunda" en Vigo xusto despois de PSA, rexeite "recolocar" os afectados a pesar da carga de traballo e que, no canto diso, aposte contratar a xente de fóra. Un sector "precario" e que sofre un ERE que "segue cobrando vítimas", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.