Feijóo apela a concentrar o voto no PP: "O voto do PSOE alimenta as mareas"

"O que queira un goberno do PP, que vote ao PP", di.

Por E.P. | A CORUÑA | 29/03/2019 | Actualizada ás 19:04

Comparte esta noticia

O presidente do PPdeG e titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou a concentrar nestas eleccións xerais o voto ao redor desta formación co obxectivo de quitar da Moncloa a un Pedro Sánchez dedicado a "criticar ao PP e alimentar o seu ego".

Feijóo, aos 10 anos da súa primeira vitoria
Feijóo, aos 10 anos da súa primeira vitoria

"O que queira un goberno do PP que vote ao PP e os que queren un goberno de Sánchez que voten a calquera", sentenciou ante unhas 600 persoas na Coruña na presentación dos candidatos ao Congreso e ao Senado por esta provincia, entre eles as súas cabezas de lista, Marta González, e Miguel Lorenzo, respectivamente.

Para concentrar o voto ao redor dos populares, fixo un chamamento tanto á xente que votou a Ciudadanos nas últimas xerais como "á que quedou en casa" e aos que apoiaron aos socialistas. "O voto do PSOE alimenta ás mareas", argumentou a este respecto.

Ademais, reivindicou ao PP como unha formación "con propostas" fronte a un Sánchez que se dedica "a criticar ao PP e alimentar o seu ego"; uns nacionalistas "que fregan as mans porque saben que os necesitan"; un Podemos "que critica ao PP e pide ministerios"; un presidente de Ciudadanos, Albert Rivera, que "pide ministros a Casado" e unha formación, Vox, "que critica ao PP e reivindica o uso das armas".

"Coa división do voto, só lle saen as contas a Sánchez e, por iso, está a encantado con Vox e Ciudadanos", dixo tamén nunha intervención na zona do Parrote e no que aproveitou a presenza dun cruceiro para facer un símil marítimo sobre a xestión do PP. "Foi un transatlántico nos momentos de dificultade e zozobra", engadiu a este respecto.

"ESCANOS CON VOTOS"

Por outra banda, instou a non crer as enquisas "feitas a medida" para o presidente do Goberno. "Nin as que din que a suma deste, daquel e doutro e o PP darán un goberno ao PP [...] Esa maioría de votos se non a unimos nunha candidatura, pódese converter nunha minoría de escanos, interésannos os escanos con votos", insistiu.

No seu discurso, tivo, así mesmo, reproches para a xestión do Goberno socialista, ao que acusou de pór "escusas" para que Galicia non poida investir o seu superávit. Na mesma liña, cuestionou que anuncie este venres a construción das fragatas F-110. "Cando xa deberían estar a se construír", manifestou vinculando o anuncio coa proximidade das eleccións xerais.

"A Pedro Sánchez impórtalle tanto Galicia como a ERC, Bildu e Herri Batasuna", insistiu Feijóo, que fixo extensiva esta afirmación ás "multimareas de Podemos", a Ciudadanos e a Vox. "Nada", aseverou. En particular, de Vox cuestionou que o seu presidente, Santiago Abascal, presente a "a súa tía do País Vasco" por Ourense. "Aquí non lle vai a votar nin a súa tía", recalcou con ironía.

CANDIDATOS

No acto, falaron tamén as cabezas de lista ao Congreso e ao Senado pola Coruña, Marta González e Miguel Lorenzo, respectivamente. Marta González remarcou o feito de que tres mulleres encabecen a lista. "O partido que presenta máis mulleres e sen necesidade de presumir de nada", afirmou.

Tamén criticou a política de Pedro Sánchez, cuns orzamentos "deseñados para contentar aos independentistas e non para atender as necesidades do país". "Outra forma de gobernar é posible", insistiu. Á súa vez, Lorenzo explicou que se presenta para "defender os grandes problemas deste país", entre os que citou "a defensa" da Constitución, a unidade de España ou impulsar un pacto educativo.

O PP, "VALOR SEGURO"

Xa o presidente provincial do PP coruñés, Diego Calvo, reivindicou a este partido como "un valor seguro" para xestionar "con eficacia". Tamén recalcou que estas son as eleccións "máis importantes". "Queremos un goberno en España como o de Feijóo en Galicia". Mentres, en alusión ao recente acto de Ciudadanos na Coruña, dixo que "non nos van a enganar porque falen dous minutos en galego".

Pola súa banda, a candidata á Alcaldía da Coruña, Beatriz Mato, criticou ao alcalde herculino, Xulio Ferreiro, ao que acusou de "sectarismo" polo feito de que o goberno local impedise celebrar o acto do PP nos xardíns de Méndez Núñez, finalmente celebrado no Parrote. "Empeza a cheirar a perdedor", asegurou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta