A moza que tentou raptar 'O Chicle' en Boiro solicita a protección da súa intimidade durante o xuízo

Os medios non poderán tomar imaxes da vítima, que declarará detrás dun biombo para evitar o contacto visual co seu presunto agresor.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2019 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

O xuízo contra ao autor confeso do crime de Diana Quer, José Enrique Abuín Gey, coñecido como 'O Chicle', polo intento de rapto dunha moza en Boiro (A Coruña) en decembro de 2017 terá lugar os días 10, 11 e 12 de abril nos xulgados de Santiago de Compostela.

Xulgados De Santiago, En Fontiñas. EUROPA PRESS - Arquivo
Xulgados De Santiago, En Fontiñas. EUROPA PRESS - Arquivo

'O Chicle' sentará no banco durante a segunda semana de abril polo caso que precipitou a resolución da desparición en agosto de 2016 da madrileña Diana Quer, cuxo cadáver foi localizado días despois de que Abuín Gey fose detido polo intento de rapto no Nadal de 2017 dunha moza en Boiro, municipio limítrofe coa Pobra do Caramiñal, onde veraneaba Quer coa súa familia. O xuízo, no que Abuín Gey se enfronta a unha petición de 15 anos e dez meses de prisión, celebrarase os días 10, 11 e 12 de abril nos xulgados da capital galega, segundo informou o TSXG este sábado.

PROTECCIÓN DA INTIMIDADE

Os maxistrados da Audiencia da Coruña ditaron medidas de protección da intimidade para a vítima, que non poderá ser gravada nin fotografida na súa comparecencia nin á súa chegada aos xulgados. Ademais, os maxistrados tamén ditaron que a declaración da moza durante producirase detrás dun biombo para evitar o contacto visual co acusado. Ambos, vítima e acusado, comparecerán na primeira xornada do xuízo, na que tamén está previsto que testifiquen oito axentes das forzas da orde.

O segundo día, o 11 de abril, será a quenda das periciais (seis axentes, dous médicos forenses e dous psicólogos), mentres que a última xornada está reservada para as conclusións das partes e os informes. Así mesmo, o TSXG informa que se prohibe a divulgación ou publicación de información e imaxes da vítima, datos que poidan facilitar a súa identificación de forma "directa ou indirecta" ou de "aquelas circunstancias persoais que fosen valoradas para resolver sobre as súas necesidades de protección".

FISCALÍA PIDE 15 ANOS DE CÁRCERE

Abuín Gey enfróntase a unha solicitude de  15 anos e dez meses de cárcere por este caso, ocorrido o día de Nadal de 2017 e que precipitou a resolución da desaparición de Diana Quer. No procedemento polo que agora se abre xuízo oral, Abuín Gey está acusado dun delito de detención ilegal ou, alternativamente, un delito consumado de coaccións, así como un intento de agresión sexual, un roubo con violencia e intimidación en grao de tentativa, un delito de ameazas e outro de lesións. A Fiscalía solicita que sexa condenado a 15 anos e dez meses de cárcere e ao abono dunha indemnización de 15.750 euros, ou alternativamente, doce anos e dez meses.

Do mesmo xeito que no caso de Diana Quer, a Fiscalía estima, segundo a narración da vítima, que 'O Chicle' a viu desde o seu vehículo mentres camiñaba pola rúa Bao de Boiro sobre as 22,25 horas do 25 de decembro de 2017 e abordouna nun lugar onde "a iluminación era moi escasa" e "non había viandantes", aproveitando que ela estaba absorta mantendo unha conversación por Whatsapp. Tras "abalanzarse" sobre ela, e coa intención de "agredila sexualmente", 'O Chicle' agarrouna polo pescozo e ameazouna cun obxecto punzante, pedíndolle que lle entregase o móbil. Ao ver que chegaba un vehículo, o procesado tratou de "despistar" á vítima dicíndolle que "todo fora unha broma" para, acto seguido, tentar metela no maleteiro do seu vehículo pola forza.

A resistencia e os berros da moza, que logrou saír do maleteiro onde Abuín Gey a metera, alertaron a dous viandantes, que acudiron no seu auxilio, o que precipitou a fuxida de 'O Chicle'. A identificación por parte da vítima e o feito de que Enrique Abuín figurase como principal sospeitoso tamén no caso de Diana Quer precipitou a súa detención e, posteriormente, a localización do corpo da nova desaparecida tras máis de 500 días de procura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta