Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2019 | Actualizada ás 22:00
-Como cualificaría a saúde da pel en Galicia?
Considero que é boa, basicamente porque cada vez hai máis e mellores especialistas en dermatoloxía. Tamén creo que a poboación está máis concienciada. Hai anos víamos persoas que non consultaban tumores cutáneos e viñan á consulta pois con media cara comida polo tumor. Agora as persoas consultan con moita anticipación. Tamén direi que ás veces consúltanse banalidades, como cuestións estéticas. A dermatoloxía é moi versátil e durante os anos foi cambiando moito con máis cirurxiáns e coa aparición do láser cada vez está máis tecnificada.
-Describa cal é a técnica que emprega na súa especialidade.
A especialidade é o tratamento con fototerapia para as doenzas cutáneas mediante o uso de luz ultravioleta. Agora mesmo estou levando adiante as técnicas de fotodinámica. Son técnicas para o tratamento dalgunhas tipoloxías de cancro e pre-cancro de pel.
-Como actúa a fototerapia sobre a pel?
É basicamente usar as propiedades beneficiosas da luz ultravioleta. Esta luz é unha radiación lumínica do sol que pode ter unha parte mala se abusamos dela. A parte positiva é útil para tratar doenzas como a psoriase, a dermatite atópica e algúns tipos de linfomas. Todo isto responde á radiación ultravioleta. Paradoxalmente algunhas persoas con alerxias ao sol poden remediar isto se manexamos de maneira axeitada a luz ultravioleta. Esta terapia realmente non é cara, é fácil de manexar e con bos resultados. O caso é que a dermatoloxía dá resposta a máis doenzas do que facía antes. Hai moita información e moita prevención por parte do público.
-A psoriase é unha doenza hereditaria?
Ten unha compoñente hereditaria, mais o destacable é que non segue un patrón hereditario. Hai que dicir que algunhas infeccións, sobre todo de garganta, algúns fármacos poden inducir psoriase, situacións de estrés e algunhas enfermidades. En resumo, é unha cuestión multifactorial mais tamén cunha parte xenética que implicaría unha certa predisposición dentro dalgunhas familias á psoriase. Non obstante, non se pode dicir que haxa unha porcentaxe de probabilidades de sufrir psoriase dentro destas familias. Podemos dicir que a psoriase é unha doenza inflamatoria de orixe inmunolóxica cunha compoñente xenética e pode aparecer por diversos factores, estrés, traumatismos, infeccións ou medicamentos.
-Hai actitudes erradas coa nosa saúde cutánea?
O grande erro é a sobreexposición de cara a luz solar. A luz solar é importante, hai xente que di que de non estar á luz do sol non sintetiza vitamina D, realmente só precisamos vinte minutos para sintetizar a vitamina D. A moda dentro da sociedade di que é bonito estar moreno. Hai persoas que o fan só a fin de semana e iso non permite o funcionamento correcto das defensas da pel. A pel protexida está mellor que a sobreexposta. Eu percibo que hai máis concienciación e pola contra unha certa obsesión por estes temas está creando, ás veces, unha ansiedade sobre os problemas da pel que non é necesaria.
-Vostede traballa dentro da súa especialidade no CHUAC. Que bota de menos na súa área e especialidade na sanidade pública?
Hai unha saturación de pacientes que non é normal. Ás veces síntese como que é imposible levar adiante a túa profesión. Se cada día que vas traballar tes que atender corenta pacientes, cando chegas ao número vinte e cinco estás esgotado. Esa sobrecarga de traballo fai que os profesionais que acabemos sen forzas. Cando cheguei á Coruña, non había servizo de dermatoloxía, fomos dos primeiros e diso quedoume moi claro que canto máis ofreces máis demanda tés.
-Hai unha saturación difícil de atender?
Antes de chegar eu aquí no CHUAC e de formarmos un equipo para dermatoloxía, os pacientes ían a Santiago ou mesmo Navarra. Logo de abrirmos o servizo aquí na Coruña o número de persoas para atender multiplicouse por moito, moito máis do que é asumible ás veces. Canto máis ofreces máis tés. Por iso, sería recomendable que o SERGAS pensara moi seriamente en: seleccionar para que? O SERGAS está para coidar da saúde da cidadanía, por tanto ten que definir a carteira de servizos. Por que? Pois porque desde o meu punto de vista hai cousas que o SERGAS non tería por que atender. Cuestións estéticas ou banais non deberían entrar entre os servizos, porque non pode ser que bloqueemos as consulta con cousas banais, cando por outra banda os linfomas, cancros e doenzas máis profundas non podemos atendelos ben. Se hai algo que non che gusta esteticamente, podes recorrer á privada. A sobrecarga é brutal, teño máis traballo agora que cando tiña 30 anos.
-Isto sucede por eliminación de persoal?
Non, na miña área non eliminaron nin reduciron persoal, mais sucede que a sobrecarga de traballo é esgotadora. Ademais é que a esa demanda non lle poñen freo. Pediría unha racionalización da atención sanitaria, atender o paciente no tempo que necesite ese paciente. Ademais, as persoas teñen o dereito a unha atención completa. Eu non podo actuar con procesos serios de enfermidade se non teño tempo. Antes existía a figura de especialista de cupo, cribaban por así dicilo e logo ao hospital chegaban problemas hospitalarios. A cuestión é racionalizar o uso hospitalario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.