Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2019 | Actualizada ás 18:42
As eurodeputadas galegas Lídia Senra (GUE/NGL) e Ana Miranda (BNG) opuxéronse ao produto paneuropeo de pensións individuais. "É un insulto á clase traballadora", en palabras da primeira. En concreto, Senra criticou no pleno da Eurocámara "que se vaia a destinar diñeiro público, a través de vantaxes fiscais, para apoiar" esta medida.
Neste sentido, reclamou "que se traballe noutro tipo de regulamento que axude aos estados a fortalecer e blindar os sistemas públicos de pensións e as pensións dignas". Pola súa banda, Miranda censurou que ese produto "só beneficiará ás rendas máis altas" e advertiu de que "suporá perda de ingresos para destinar a políticas sociais".
Ao seu xuízo, "esconde de novo unha trampa", xa que o Parlamento Europeo non dispón de competencias en materia tributaria. "Despois de sufrir numerosos recortes pola imposición da decisión da Troika e polas sucesivas reformas que tivemos en materia de pensións, particularmente promovidas polo PP, os nosos pensionistas teñen os seus dereitos mermados e non saberemos se as futuras xeracións terán pensións", censurou.
FONDO DE PESCA
Por outra banda, a eurodeputada do BNG abstívose na votación do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca "ao non recoller as demandas da pesca artesanal galega". En concreto, segundo apunta o Bloque nunha nota, Miranda critica que o pleno da Eurocámara non fóra "máis aló" do informe aprobado na comisión de pesca de marzo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.