En Marea insta á Xunta a decretar a caducidade do proxecto da mina de Touro

"Xa hai suficiente información para concluír que o proxecto é inviable e, en consecuencia, emitir unha declaración de impacto ambiental negativa", di o parlamentario Antón Sánchez.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2019 | Actualizada ás 20:51

Comparte esta noticia

O viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, pediu explicacións á Xunta pola non emisión dunha declaración ambiental negativa ou non decretar a caducidade do procedemento no proxecto da mina de Touro (A Coruña).

Así o reclamou nun comunicado, no que lembra que xa pasaron dous anos da solicitude de tramitación do proxecto de reapertura desta mina por parte da empresa San Rafael. Antón Sánchez censurou que a pesar da existencia de varios informes "negativos e moi contundentes" por parte de varios departamentos do propio Goberno galego e de diversos colectivos, a Xunta segue sen "dar carpetazo a un proxecto inviable ambiental, económica e socialmente".

O parlamentario autonómico asegurou que a Lei 21/2013, do 9 de decembro de avaliación ambiental, "fixa nun ano a vixencia dos trámites de información e consulta pública unha vez finalizados, e un prazo de catro meses, máis dous prorrogables por causa motivada, para a análise técnica do expediente de avaliación ambiental e a formulación da declaración ambiental".

"Xa hai suficiente información para concluír que o proxecto é inviable e, en consecuencia, emitir unha declaración de impacto ambiental negativa", sinalou.

Manifestación contra a mina O Pino-Touro
Manifestación contra a mina O Pino-Touro | Fonte: Plataforma veciñal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta