O fiscal García Ortiz asegura que "só o 3% ou o 4% dos incendios teñen intencionalidade de facer mal"

Considera que a actividade que se desenvolve en Miramontes "podería ter contido penal" e que actividades da mina de Touro poden ser "potencialmente contaminantes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2019 | Actualizada ás 16:45

Comparte esta noticia

O fiscal delegado de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, asegurou este domingo que a partir das estatísticas que manexa, a Fiscalía conclúe que entre un 70% e un 80% dos incendios que suceden en Galicia son intencionados, pero "só o 3% ou o 4% deles teñen intención de facer mal".

Así, segundo explicou García Ortiz nunha entrevista na Cadea Ser recollida por Europa Press, cabe distinguir entre aqueles incendios provocados cunha intención dolosa, a que persegue facer o mal, "que só son o 3% ou o 4% dos casos", fronte a aquelas intencionalidades que pretenden queimar, pero cuxas consecuencias van máis aló desa acción.

O fiscal apuntou que desde o punto de vista penal a responsabilidade dunha persoa que inicia un incendio con intención dolosa "non é a mesma" que a de alguén que planta un lume como "un recurso ou como un instrumento", aínda que as consecuencias das chamas "vaian máis aló".

García Ortiz subliñou que cada vez existe unha maior concienciación contra os incendios. Neste sentido, considerou que a vaga de lumes de 2017, "cando as chamas se achegaron ás áreas urbanas", contribuíu a esa concienciación. Así, lembrou que a elaboración de plans antiincendios é unha obrigación legal dos concellos, polo que destacou que "a inacción pode ter consecuencias penais".

MIRAMONTES

Acerca da investigación da Fiscalía sobre o vertedoiro de Miramontes, Garía Ortiz indicou que se trata dun espazo sensible porque está "a catro quilómetros da catedral" e os malos cheiros agriden aos veciños. Ademais, engadiu que Fiscalía considera que a actividade que se desenvolve en Miramontes "podería ter contido penal".

Con todo, recoñeceu que a xestión dos residuos que xeran as persoas é "complicada" porque, ao seu xuízo, trátase dunha materia "complexa". "Hai que facer que calquera espazo no que se depositen estean acondicionados con arranxo á lei", destacou o fiscal, quen engadiu que a sociedade debería concienciarse en que reciclar ou tratar os residuos "é caro".

En canto á mina de Touro, relatou que son "multitude de actividades" as que alí se desenvolven, algunhas delas "potencialmente contaminantes", polo que están a ser investigadas. No entanto, afirmou que a futura ampliación para explotación mineira "aínda non está sobre a mesa da Fiscalía".

MARINA CASTAÑO

Como fiscal no caso que sentou no banco á que foi muller de Camilo José Cela, Mariña Castaño, así como a outro tres persoas acusadas de malversación de fondos públicos pola indemnización que a Fundación Cela pagou ao exerente da entidade, García Ortiz dixo que durante a vista oral plasmáronse dúas tese dos mesmos feitos "que non se afastan tanto a una da outra".

Neste sentido, indicou que estas versións "poden ter unha interpretación diferente". Ademais, lamentou que caso sexa "excesivamente longo", xa que comezou en 2012 e "iso nunca é bo". "Especialmente para os acusados, que teñen que soportar a carga procesual durante seis ou sete anos e que despois de tanto tempo son obrigados a lembrar feitos", indicou.

O fiscal de Medio Ambiente, Álvaro García Ortíz
O fiscal de Medio Ambiente, Álvaro García Ortíz | Fonte: Cadena Ser

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

este fiscal parece ben espabilado ou...? seica encher Galicia de "merda" "podería ter contido penal" ... Vese que ten luces... un prodixio no mundo do Dereito !!! http://www.sinpermiso.info/textos/t...