Esperanza e medo no Modus

O Modus Vivendi é un mítico local nocturno situado na zona vella de Compostela. É un centro de cultura – existe algún outro bar que amose detrás da barra numerosas fotos propias de escritores? Na noite do 10 de abril de 2019 ten lugar na súa planta baixa un encontro de poetas.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 19/04/2019

Comparte esta noticia
Entras como espectador e soamente hai unhas catro persoas no espazo do recital. Como aparece  detrás da barra, confundes a un dos dous organizadores cun camareiro. El, Diego Horschovski, será unha das estrelas da velada.
 
Despois de adquirir un refresco, baixas co vaso na man e sentas ó fondo da gruta. Estás pensando o peor: que só virán os proverbiais catro gatos a esta reunión.
 
Equivocado. Entra de súpeto unha marea de xuventude. Aparentemente, son estudantes universitarios de Filoloxía. Moi novos, de carácter alegre, guapos e algo bohemios.
 
Os anfitrións son arxentinos: o que tomei por  camareiro Diego leva a voz principal, mais é secundado con certo humor e ironía por Ángel Marcelo. A gruta xa está chea cando empeza a función.
 
A primeira estrela da noite é impresionante. Un home maior – en tenra aparencia un neno vestido con traxe sen garabata xogando a ser un adulto – chega e sacode os sentimentos confesando de entrada que é bipolar e que tivo graves problemas coa demencia. Sabe en primeira persoa do inferno da tolemia, estado que pasa a describir con sereno arrepío. Tería interesado a Rosalía de Castro este poeta que se fai querer, e que conta como foi salvado polo amor da súa parella e da súa filla. É Antonio Tizón, e conquista o corazón da audiencia.
 
A seguinte poeta é Sabela. Como outros participantes, le dende o teléfono móbil a súa creación, que convence aos presentes.
 
Miguel Alcalde empeza en latín un poema de gusto clásico. Antes, ofrece unha lectura dunha obra de Miguel Hernández, pero realmente o que gusta é que se lean poemas propios.
 
Chega o momento de que Cupido sobrevoe na noite, xa que sae ó micrófono unha beleza desas de cabelo longo e rizado que pintaba Leonardo Da Vinci. Faille gracia ó público que esta moza, à la Maluma, empece empregando a expresión “non me importa un carallo”. En realidade, conmove o feito de que si lle importa moito todo. Unha e outra vez, Rita exclama que ten medo: medo ó que os seus esperan dela e medo á súa sensibilidade diante da vida, especialmente a vida tal como é na actualidade.
 
No ambiente, vendo como esta espléndida xuventude – tan distinta a moitos adolescentes sen valores – escoita con respecto e sentimento, queda flotando no aire a esperanza e a ilusión que proxectan  estas almas nobres, e tamén o temor a un futuro que os medios de comunicación pintan con tons cada vez máis escuros.
 
Remata o programa anunciado no cartel a intervención de dous namorados. O escritor Fernando Mosteiro fai de narrador na escena dunha novela súa que trata sobre a filmación da marabillosa película “Vidas rebeldes” (The Misfits, John Huston, 1961). A súa parella Carolina Brea ten algo de Marilyn e fai o papel da mítica actriz, Diego fai do seu marido daquela, o escritor Arthur Miller, e Iván Diaño fai do outro protagonista, Clark Gable. É un tema de moito interese, e as emocións van seguir da man desta parella. Carolina recita para Fernando un novo poema propio que arde con amor espontáneo e sensual.
 
Daquela, xa hai paixón no ambiente cando comeza a sesión de micro aberto para quen queira participar neste acto tan humano e artístico, un evento que conta cunha absoluta complicidade por parte do público. Unha rapaza recita o hábil poema dun rapeiro que descoñeces chamado Residente. Unha moza estremeña sorprende moito co seu fluído galego nun poema precioso que fai pensar en Eduardo Pondal. Hai talvez demasiada pouca escuridade nalgúns dos poemas que se recitan, todos de doada comprensión, pero é normal por tratarse dun inicio; varios dos presentes recitan por primeira vez. Hai participantes que ofrecen en intervencións breves e emotivas potentes lóstregos de personalidade.
 
Unha poeta novísima fala cun galego tan fermoso que queres preguntarlle de onde é, pero o monstro vermello da timidez non o permite. Diego comparte un sentido poema propio que menciona á súa avoa de Buenos Aires, e despois recrea tocando a guitarra a composición dun cantautor. Un poeta chamado Peter Brea aporta un eficaz sentido do humor, e hai algo así como un trago de licor de emotividade nas súas incursións poéticas.
 
Falando de emoción, sucede algo que quenta o corazón. Chega, acompañada pola poeta Petri Daza, a célebre Luz Fandiño á cal lle dedicou un libro Lupe Gómez, e a sensación é a de que acaba de entrar a avoa de todos nós! Faise tan entrañable que dan ganas de chorar. A súa intervención cun poema propio demostra o seu poderío en escena, o seu carisma, e a súa valentía loitando pola igualdade das mulleres e o civismo na sociedade.
 
Indo cara a un final, cantan dúas mozas. A primeira ofrece unha soberbia versión dun tema reivindicativo de Guadi Galego, e a segunda é a namorada Carolina, que canta – acompañada polo versátil Diego á guitarra – unha versión reveladora do éxito “Back To Black” de Amy Winehouse.
 
O destino quere que, cando xa rematou o acto, Luz, que nota a túa mirada de admiración e agarimo, te diga: “moi ben, fixéchelo moi, moi ben”. Claramente te confunde con outra persoa, pero ti dis “grazas” e tomas as súas palabras como unha inesperada xustiza poética para a túa novela de Rebeca, que está sendo ignorada.
 
Deixas atrás a gruta. Tocaches o seu teito e estaba húmido. Na parede do fondo onde estabas sentado, hai cinta de carpinteiro entrelazada á maneira da guitarra eléctrica ruxinte de Edward Van Halen e, como centos de visitantes anteriores, escribes o teu nome sobre unha desas cintas de cor ocre, símbolos da ilusión e da sensibilidade dos visitantes a esta cova de diamantes de poesía.

Pintura con trovadores e poetas medievais
Pintura con trovadores e poetas medievais
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.