Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 17/04/2019 | Actualizada ás 14:00
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta profundamente os despedimentos producidos no Diario de Pontevedra e expresa a súa solidariedade co persoal afectado.
O pasado venres 12 de abril, a dirección do Diario de Pontevedra comunicáballe a cinco traballadores, dous deles xornalistas, o seu despedimento, alegando causas económicas. Ese mesmo día, comunicábaselle a dúas persoas máis que non se lles renovaría o contrato. Diario de Pontevedra é unha cabeceira pertencente ao Grupo El Progreso, que xa o día anterior prescindira de 13 traballadores en Lugo.
De feito, estes despedimentos non son os únicos que afrontará o grupo El Progreso tal e como xa avanzou Galicia Confidencial. Veñen acompañados de prexubilacións e da non renovación doutros traballadores aos que lles rematan contratos, ben sexan laborais ou contratos Feuga. En total, esta primeira medida afectou, segundo as fontes consultadas por GC a máis de 30 persoas. O principal obxectivo é reducir o cadro de persoal do grupo de comunicación máis importante da provincia de Lugo, que xa fora afectado por outros despedimentos nos últimos anos, aínda que moi inferiores aos destes días.
De feito, El Progreso pasa por unha delicada situación financeira que non pode aguantar os case 270 traballadores que ten. Ata o momento, a dirección do medio estivo resistindo pero tras a gran renovación realizada por La Voz de Galicia, con despidos importantes tamén na provincia de Lugo, o grupo lucense decidiu acometer a súa renovación.
"CALIDADE DA INFORMACIÓN"
"Unha vez máis, o Colexio de Xornalistas ten que lembrar que a crise do xornalismo impreso e o impacto económico da falta de lectores non poden resolverse con menos xornalistas e menos xornalismo", indica nun comunicado ao tempo que critica a perda de calidade da información e nun deterioro do xornalismo que se ofrece á sociedade.
Por todo isto, o Colexio de Xornalistas expresa a súa solidariedade aos traballadores afectados polos recortes e fai un chamamento ás direccións dos medios "para apostaren por uns cadros de persoal estábeis, con condicións dignas e suficientes para garantir a información propia, rigorosa, diferenciada e contextualizada que a sociedade galega merece".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.