Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2019 | Actualizada ás 13:41
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu este luns ao novo director do Museo Provincial, o arqueólogo e ata agora director do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, José Manuel Rey García, que este luns se incorporou ao seu posto. Carmela Silva destacou que o de Pontevedra é un dos museos máis importantes "do conxunto do Estado español", xa que é "unha institución que contén toda a nosa historia", pero a pesar de ser "coñecido a nivel internacional" fai falta "darlle un impulso máis potente aínda".
"Témolo que centrar no século XXI sen deixar de mirar para o pasado", manifestou a presidenta da institución provincial e, neste sentido, Silva considera que o nomeamento do novo director "é unha garantía de que lle esperan moitas primaveras, veráns, outonos e invernos marabillosos", para o que lle transmitiu "todo" o seu "apoio". Pola súa banda, Rey García dixo entender a responsabilidade que asume "cunha ilusión moi grande" por "tentar facer do Museo unha institución moito máis grande do que aínda é" e a idea de "apostar na mesma liña pola que están a apostar os principais referentes neste momento en país".
Respecto diso, citou a calidade, innovación, emocións, experiencias e "converter tamén ao Museo nunha factoría de coñecemento". Os seus primeiros pasos como director serán para coñecer "profundamente", dixo, a situación desta institución, as liñas de traballo que están xa consolidadas "e a partir desa reflexión sosegada e tranquila, empezar a planificar o futuro inmediato", apuntou.
Tamén avanzou que traballará "con esa idea de reforzar a participación, fomentar o diálogo e o debate crítico, de apostar por unha inclusión social na que todos se vexan reflectidos" e preocuparse por tratar de captar a ese público que non visita o museo "para tratar de ofrecerlle algo que nos demanden".
ACCESIBILIDADE
Por último, José Manuel Rey García sinalou que outro dos seus obxectivos é tamén a accesibilidade cognitiva e sensorial, para "que todo o mundo poida visitar o Museo en condicións de igualdade".
"Unha vontade por traspasar as nosas fronteiras, pola crenza nas sinerxías, na colaboración institucional, na cooperación, participando en redes de intercambio de experiencias", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.