Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2019 | Actualizada ás 18:56
O candidato municipal do PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, presentou a súa renuncia á Alcaldía de Amoeiro co obxectivo de "traballar" para "devolver a decencia e a normalidade" a unha cidade das Burgas "agonizante" por culpa do rexedor popular, Jesús Vázquez.
Nun comunicado remitido aos medios este xoves, o tamén secretario xeral do PSOE provincial de Ourense explicou que o pasado día 15 de abril formalizou a súa renuncia como alcalde desta localidade. Así, o vindeiro luns, día 29 de abril, darase conta ao pleno da decisión. "Iso é así e esa é a única realidade", destacou para asegurar que traballa "todos os días" por Ourense, cidade na que "vive", na que naceu e na que estudou.
"O outro día estiven a mirar fotografías de cando era pequeno, con oito ou dez anos, tomadas na Alameda de Ourense, e este espazo público emblemático que é patrimonio protexido, estaba moito mellor conservado entón que na actualidade", manifestou. Por iso, avanzou que traballará "activamente" contra o "retroceso, o abandono e o desinterese do actual goberno municipal". "Estamos fartos, acabóusenos a paciencia, e queremos cambiar Ourense xa", apuntou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.