Por Beatriz G. Caneda | Santiago de Compostela | 26/04/2019 | Actualizada ás 14:00
Á hora de escoller os seus estudos, as mozas decántanse menos pola rama tecnolóxica, informática ou a enxeñaría. Durante o curso 2016/2017 máis da metade do alumnado universitario español, un 54,4% , eran mulleres, porén, segundo datos do Ministerio de Educación e Fomento, durante o curso 2017/2018, as mulleres só representaban o 12,2 % do alumnado matriculado na carreira de Informática e un 28,4 % do matriculado en Enxeñaría, Industria e Construción. A pouca baixa presencia feminina nestas titulacións tradúcese nunha menor participación en empregos relacionados coa informática e a enxeñaría, e, a longo prazo, nunha brecha dixital de xénero que exclúe ás mulleres dun dos ámbitos laborais mellor remunerado.
A Unión Internacional de Telecomunicacións celebra cada ano o Día Internacional das Nenas en TIC. Esta iniciativa celébrase o cuarto xoves de abril de cada ano e ten como obxectivo crear un “entorno mundial que empodere a nenas e mulleres xoves e as alente a contemplar unha vida profesional no campo crecente das TIC”, afirma a organización, co fin de que nenas e empresas se beneficien dunha maior participación feminina no sector.
Este xoves 25 de abril, coincidindo do Día Internacional das Nenas en TIC deste 2019, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) inaugurou en Santiago de Compostela a exposición “As mulleres no mundo das TIC”. María Tenorio, investigadora do CiTIUS, explica que a idea xurde para conmemorar este día. “Somos un centro de investigación no ámbito das tecnoloxías da información e para conmemorar o Día Internacional das Nenas en TIC queríamos facer unha pequena exposición que puxese en valor o traballo de mulleres ao longo da historias das Tecnoloxías da Información e da Comunicación”. O obxectivo desta iniciativa é “intentar espertar vocacións, sobre todo en adolescentes e demostrar que hai moitas mulleres nas TIC que foron pioneiras” afirma Tenorio.
AS MULLERES NO MUNDO TIC
A exposición consiste en 10 carteis que están distribuídos pola planta baixa do centro e que recollen algunhas das achegas tecnolóxicas máis importantes ao mundo das TIC realizadas ao longo da historia por distintas mulleres. Ademais, explícanse tamén as principais dificultades que tivo que superar cada unha das protagonistas para conseguir facerse un oco nese mundo. María Tenorio pon o exemplo de Ada Lovelace, considerada a primeira programadora da historia. “Para poder publicar na época, é do século XIX, firmou como A.A.L. porque así non se sabía se era unha muller e tiña máis posibilidades de que lle publicasen o seu traballo”, explica a investigadora.
As persoas que compoñen a mostra marcaron a historia das tecnoloxías e a informática coas súas achegas. Entre as protagonistas atopamos figuras internacionais como Ada Lovelace, primeira programadora da historia; Katherine Johnson, calculadora da NASA responsable da traxectoria do voo do primeiro estadounidense no espazo ou Frances E. Allen, primeira muller en gañar o Premio Turing. Na selección tamén atopamos talento nacional coa figura de Ana María Prieto López, pioneira galega da programación en España.
VISITA A EXPOSICIÓN
“As mulleres no mundo TIC” permanecerá exposta ata o 31 de maio e poderá visitarse de luns a venres, mañá e tarde, no edificio CiTIUS situado no Campus Vida de Santiago de Compostela. O horario de visita é de 10:00 a 15:00 e de 16:00 a 19:00. A entrada é gratuíta para todos os visitantes.
Unha vez finalizado este período de exposición, os centros educativos interesados poderán solicitar que se exhiba o material temporalmente nas súas instalacións. Ademais, os pósters estarán dispoñibles na páxina web do CiTIUS. Poderán descargarse e imprimirse gratuitamente con fins educativos ou informativos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.