Afundidos na irrelevancia

As eleccións xerais afundiron aínda máis ao País na irrelevancia política. A convocatoria anticipada de febreiro nun contexto de máxima polarización estatal esixía decisións moi difíciles e inmediatas nos dirixentes políticos de En Marea e BNG.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruñas | 29/04/2019

Comparte esta noticia

 Esixía a capacidade de visión estratéxica precisa para albiscar que isto ía de voto útil, de concentrar o voto no PSOE para frear á extrema dereita tripartita. Só ofrecéndolle  á cidadanía galega un instrumento para reter parte dese voto útil, unha grande coalición, era posíbel enfrontar con bó suceso estas eleccións.

Pontón durante un acto electoral
Pontón durante un acto electoral | Fonte: EP

O BNG mellorou substancialmente os seus resultados (sobe de 45.000 a 94.000, do 2,9% ao 5,8%) e marca unha nidia recuperación. Nesta conxuntura, dende a dirección frontista poderase obxectar que nin engadíndolles os 17.700 votos de En Marea (1,1%) e os 2.700 votos de CXG (0,17%) garantiríase representación directa e que as coalicións sempre restan algo. Mais este argumento desmóntaxe axiña. Identifiquen vostedes unha ducia, a máis próxima, dos milleiros de persoas que votaron PSOE como voto útil e pregúntenlles se tería votado nunha coalición nacional á corsa. Os resultados haberanlles dar unha idea da potencialidade desta coalición.

Porén, teñen razón Ana Pontón e Luis Villares cando din que Galicia non existiu nesta campaña e que as forzas galegas víronse privadas de moitas  canles para achegar a súa mensaxe nun contexto de grande polarización estatal. Velaí o caso do País Valenciano, onde no mesmo día Compromís, dende a vicepresidencia da Generalitat, obtén só un 6,4% dos votos nas estatais fronte ao 14,5% de Unidas Podemos, mentres que nas autonómicas os resultados invírtense. Porén, tamèn Coalición Canaria xogaba nesa conxuntura e mais duplicou a sua representación. Non falemos xa de Euskadi, onde PNV e EH Bildu recuperaron a primacía perdida diante de Podemos no 2015 e 2016.

O grave problema é que, por vez primeira dende 1993 os cidadáns galegos teñen cinco!!!  distintas opcións estatais para elixir. Por vez primeira a esquerda española distinta do PSOE acada representación allea a calquera alianza  con forzas galegas e locais. Representamos políticamente, xa, menos ca Cantabria.

Mal farían os dirixentes políticos do galeguismo se, para amañar esta desfeita, seguen a se enguedellar na atribución de culpas históricas. O primeiro que o galeguismo precisa é respecto mutuo, xenerosidade e substituir a competición pola cooperación. E, despois, precisa mudar o seu discurso para atender a toda a transversalidade social, mirar polas maiorías e proporlle á xente un proxecto moderno e gañador que nos dea seguranza e autoestima do noso.

Un proxecto que transmita que Galicia precisa sair da irrelevancia para que os galegos e galegas desfrutemos de benestar e dignidade.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.