Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/05/2019 | Actualizada ás 12:04
Os primeiros cen plans municipais contra incendios, obrigatorios por lei en Galicia desde hai 12 anos, estarán listos antes de que comece este verán, segundo adiantou o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, nunha entrevista con Europa Press.
Esta obrigación estableceuna a lei galega de prevención e defensa contra os incendios forestais, que aprobou en 2007 o Goberno bipartito de PSOE e BNG. Tras varias modificacións desde a chegada do PP á Xunta en 2009, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a última actualización do texto refundido en decembro pasado.
Así, a norma establece (desde 2007) que unha competencia das entidades locais é "elaborar e aprobar" os plans contra incendios e que estes deben delimitar as denominadas redes de franxas secundarias: as que todos os propietarios de Galicia deberán limpar antes do próximo día 31. Con anterioridade, o tope era o 30 de xuño, pero o Executivo de Alberto Núñez Feijóo adiantou a data tras a vaga de incendios de outubro de 2017.
Estas franxas, de 50 metros ao redor de vivendas e nas que non poderá haber piñeiros, eucaliptos nin acacias, por ser especies que propagan con facilidade as chamas, son tamén aquelas sobre as que empezarán a traballar Xunta, Fegamp e Seaga a partir deste mes de maio.
Con base no convenio a tres bandas que asinaron por primeira vez o ano pasado, a Consellería de Medio Rural achega financiamento para facilitar que Seaga xestione aqueles labores de roza que os particulares non fagan e que terían que executar os concellos, os mesmos que desde hai anos denuncian que carecen de medios para asumilo.
"O ano pasado non se chegou a rozar nada", recoñece o presidente da federación galega de municipios e provincias (Fegamp), Alfredo García, en declaracións a Europa Press. "Había que delimitar franxas", apunta.
Esa "priorización", polo menos a inicial, xa se fixo e é á que se refire Fernández-Couto cando apunta ás 695 aldeas con alto risco de incendio nas que a partir desta semana comezarán a actuar o tres partes (Xunta, Fegamp e Seaga): un total de 4.500 hectáreas.
POR PROVINCIAS
Nelas (1.337,63 hectáreas na provincia da Coruña, 1.131,34 en Pontevedra, 1.085,94 en Ourense e 1.012,68 en Lugo) arrincarán as tarefas, de modo que, como sinala o portavoz dos concellos de Galicia, "vai ser o primeiro ano que se traballe".
O custo será de 350 euros por hectárea, que os concellos repercutirán aos donos das leiras no caso de que non sexan eles mesmos os que se encarguen da súa limpeza.
Os plans cuxa elaboración tardou unha ducia de anos en chegar teñen que ser aprobados pola Dirección Xeral de Fernández-Couto e son, por tanto, clave en relación coas franxas de seguridade, que cobraron protagonismo sobre todo a partir da mencionada vaga de incendios, que con especial virulencia cercou numerosos núcleos de poboación, co risco para a vida humana que iso leva. Non en balde, morreron catro persoas.
SUBCONTRATAS CON EMPRESAS LOCAIS
Estas novas funcións enmárcanse nun período no que Medio Rural emprende unha reestruturación do servizo de extinción que afecta, precisamente, á empresa pública Seaga, cun colectivo duns 500 traballadores.
Creada en 2007 tamén polo bipartito, agora a Xunta retíralle encoméndaa de extinción, para ofrecer esas máis de 500 prazas a través de listas de contratación públicas.
"MÁIS CONCIENCIADOS"
Así as cousas, o presidente da Fegamp valora que os cidadáns están "máis concienciados" e que "se están limpando máis parcelas que hai anos". "Aínda así", tendo en conta que son "miles de núcleos de poboación e hai de todo", avisa do que queda por facer.
Neste escenario, o responsable da Xunta subliña que o convenio "non substitúe a obrigación" dos particulares, pero reivindica que é unha medida "moi nova" e "complexa" que avanzou "en pouco tempo".En calquera caso, ante a "realidade triste" dos lumes que cada ano azoutan á comunidade galega, insiste na tese do Goberno autonómico de que un 80% dos incendios son provocados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.