A Operación Púnica entra na campaña electoral de Lalín

Xosé Crespo nega que favorecera a empresas de David Marjaliza, cerebro da trama. “Reuninme con eles como me reúno con moita xente”, apunta ao suliñar que cando el era alcalde non se cometeu ningunha irregularidade. A polémica entre o PP e Compromiso por Galicia, de Rafael Cuíña, está na insistencia de instalar unha planta de reciclaxe de pneumáticos no concello.

Por Xurxo Salgado | Lalín | 08/05/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Xosé Crespo, candidato do PP ao Concello de Lalín, negou que quixera autorizar ou modificar o planeamento urbanístico do municipio cando el era rexedor, en 2014, para favorecer a instalación dunha empresa de reciclaxe de pneumáticos, tal e como recolle unha das partes do sumario da Operación Púnica. “Iso é mentira e, de feito, a realidade é que no Polígono Lalín 2000 non se instalou esa empresa”, asegura en declaracións a Galicia Confidencial.

Folios da Operación Púnica sobre un apoderado de David Marjaliza que pretendía facer unha empresa en Lalín
Folios da Operación Púnica sobre un apoderado de David Marjaliza que pretendía facer unha empresa en Lalín

O ex alcalde non nega a xuntanza mantida con Antonio Serrano, un dos conseguidores de David Marjaliza, o cerebro da Operación Púnica. “Viñeron falar comigo un empresario de Lalín e un técnico, por certo, vinculado co PSOE, para dicirme que había unha empresa moi interesada en instalarse en Lalín. Viñeron cun avogado (Serrano) e é normal que eu os recibira como recibía a moita xente”, lembra. 

“Vaia por diante que calquera alcalde quere que se instalen empresas no seu concello porque xeran postos de traballo”, indica. “Eles presentaronme un informe urbanístico pero como non cumplía coa normativa urbanística pois acabouse o conto”, engade en declaracións a Galicia Confidencial. De feito, apunta que, sobre esta cuestión, “tivo que facer memoria” e que lembra que “nin chegaron a presentar proxecto, nin licencia, nin comparon os terreos nese polígono”.

URBANISMO

Sobre eses supostos informes urbanísticos do que se fala no sumario, GC tamén se puxo en contacto co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que en 2014 era concelleiro de Urbanismo de Lalín. Rodríguez salienta que todo ese expediente se tramitou coa máxima legalidade. “Unha cousa é o que diga un señor nunha conversa por teléfono e outra a realidade”, apuntou en declaracións a Galicia Confidencial sobre as supostas conversas recollidas no sumario da Púnica na que el se tería comprometido a axilizar os trámites urbanisticos polas súas conexións na Xunta.

Rafael Cuíña e Xosé Crespo
Rafael Cuíña e Xosé Crespo | Fonte: mundiario.com

Neste sentido, remitiu un documento, datado de maio de 2014, do departamento de Urbanismo de Lalín que el dirixía, que apunta ás dificultades de instalación desa planta no Polígono Lalín 2000. “Del citado informe se deduce que el uso pretendido por sus representados es incompatible con los usos permitidos por el planeamiento en la citada parcela, razón por la que lamentamos comunicar que a día de hoy no es posible acceder a lo solicitado, dado que se requeriría una modificación puntual del planeamiento en vigor, que debería fundarse en razones de interés público debidamente justificadas, y que tendría una dilatada y costosa tramitación”, recolle ese documento.  Con todo, as escoitas recollidas no sumario son posteriores a esa data.

“Supoño que con isto queda claro que isto todo é unha bola de fume”, indica ao destacar que “alguén ten intereses en que isto saia agora”.  De feito, Crespo vincula directamente este tema entra coa “precampaña electoral” e que o actual rexedor, Rafa Cuíña, pretende con isto “botar unha cortina de fume” sobre a denuncia por presunta prevaricación que hai uns días o PP presentou contra el. 

CANDO APARECE A POLÉMICA

Durante boa parte do ano 2018, a confrontación política entre Compromiso por Galicia –partido no que milita o rexedor Rafael Cuíña-- e o PP xirara en torno á instalación dunha planta de pneumáticos no polígono industrial de Botos.

Esa planta, impulsada pola empresa Racso, é a mesma que no seu día se quixo instalar no Polígono Industrial Lalín 2000 e que non saíu adiante e está vinculada cunha das persoas que apostara por esa ubicación antes que a de Botos. Con todo, o rexeitamento veciñal provocou que o goberno municipal dera marcha atrás tras unha desestimación de licenza para a súa instalación.

Dentro desta polémica, o 17 de marzo de 2019, o Partido Popular, tomando como base unha noticia aparecida no Diario de León en decembro do 2015, asegura nun pleno que Rafael Cuíña mantivo a principios de mandato contactos con persoas implicadas na trama Púnica para favorecer o asentamento dunha empresa de reciclaxe pneumáticos no municipio.  Para o PP esa información  “recolle con meridiana claridade o apoio de Cuíña a Racso e constata as mentiras reiteradas aos veciños das parroquias afectadas”, tal e como aparecen nos medios locais neses momentos.

Na mesma liña o perfil de facebook do Partido Popular de Lalín recolle “que unha nova publicada polo Diario de León na que reproducen escoitas a un empresario investigado na Operación Púnica revela que Cuíña mantivo reunións cos promotores de Racso e que incluso pretendía puentear a funcionarios que non vían ben ese proxecto”. 

DESMENTIDOS

Rafael Cuíña decide convocar unha rolda de prensa na que demostra que el nunca se reuníu con membros da Púnica para falar da pranta de pneumáticos. As conversas ás que alude o Diario de León non son do mes de xullo do ano 2015, senón de xullo de 2014, cando el non estaba na alcaldía.

Ante este desmentido, o portavoz local dos populares, Javier Banco Carballal pide desculpas por “unha interpretación errónea dunha información xornalística” na que “fallei nas formas, pero sigo mantendo mantendo o fondo”. Tamén Xosé Crespo cambia a súa versión e asegura que se tratou dunha reunión normal na que “non houbo ningunha manobra estraña para favorecer a aqueles empresarios”. Crespo chega a afirmar que,  unha vez se constatou que a nave na que se querían instalar non cumpría os requisitos urbanísticos, “aí morreu o conto”. 

De feito, o propio Crespo, en declaracións a GC, insiste en vincular ao goberno local coa publicación de partes do sumario para tentar tapar “o cristo montado coa planta de Racso” e tamén a denuncia presentada polo PP contra el por prevaricación. “É unha cortina de fume de Cuíña que non lle vai funcionar”, conclúe.

Polígono industrial Lalin 2000
Polígono industrial Lalin 2000 | Fonte: navesindustriales.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Papuxa

Crespo cubríndose de gloria