Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2019 | Actualizada ás 20:30
A segunda tempada de 'Te lo vas a comer?', presentado por Alberto Chicote en La Sexta, denunciou a lamentable situación dalgúns centros de educación especial en canto ao seu servizo de comida. Un deles foi o centro María Mariño da Coruña. Alí, o popular presentador acudiu tras recibir denuncias de varios pais e, posteriormente, contrastar que os seus fillos non comen o que deberían polas súas condicións de necesidade especial.
Esta situación provocou que Chicote tentara falar con varios cargos da Xunta. Tras chamar ao delegado de Educación na Coruña, primeiro, logo ao secretario xeral de Educación e, finalmente, á propia conselleira, Carmen Pomar, non obtivo resposta. “Xa o chamaremos”, foi a resposta que recibiu en todas as ocasións. E iso que mesmo se chegou a plantar diante do edificio de San Caetano.
Finalmente, foi atendido polo delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, que foi o que tivo que aturar o cabreo e o tirón de orellas e dar explicacións sobre os menús que están comendo os nenos dalgúns centros de Galicia. A principal queixa do chef ao político é que o centro escolar está a dar unicamente dous tipos de menús independentemente das necesidades especiais de cada neno, por exemplo sen ter en conta que hai alumnos que non poden comer alimentos sólidos.
SORRISO DO DELEGADO
Rodeiro visionou as denuncias dos pais cun sorprendente sorriso: "Sáeche o sorriso vendo isto?, espetoulle Chicote. “Pois son queixas que lles poñen a un os pelos de punta e ninguén lles fai nin puto caso", engadiu. “Todo é opinable", respondeulle Rodeiro "Triturar unha empanada galega para darlla a comer a unha persoa non é opinable", contestoulle Chicote. Ademais, Rodeiro continuou escusándose ensinando ao chef uns documentos radicalmente distintos aos menús que reciben os pais cada mes.
"Isto, delegado, non é o que reciben os nenos no cole", interrompeu Chicote ante os novos e variados menús (até 16 tipos) que mostrou o delegado do Goberno ao cociñeiro. Con todo, o político continuou tirando balóns fora asegurando que os seus informes son os reais "salvo variacións no menú" e que chegan a todos os centros. "Non crea todo o que lle digan, que lla están coando", espetoulle.
Finalmente, o propio delegado territorial caíu en contradiccións ao presentar os menús da tempada de inverno e verán e ao comprobar Chicote que eran exactamente iguais. Ante a evidencia, Rodeiro non soubo como reaccionar.
ESPERPENTO
Tal foi o esperpento desta situación e a falta de resposta por parte da Xunta que o problema acabou salpicando ao propio Feijóo. No programa quedou claro que a Consellería de Educación pasoulle o morto ao delegado territorial que, como se comprobou, non estaba ao tanto do que acontece no centro.
De feito, foi tal o ridículo que o programa Zapeando, de La Sexta, así como numerosos medios fixeronse eco desta situación xa que se comprobou como Educación deixaballe o morto ao delegado territorial.
FEIJÓO
Por iso, este xoves, foi a propia Sexta quen lle preguntou a Feijóo por este tema. O presidente galego dixo que non mirara o programa pero que xa lle pedíu á Consellería de Educación un informe "concreto e pormenorizado" das queixas dalgunhas familias sobre o menú do comedor do Centro de Educación Especial María Mariño da Coruña.
"cando hai unha crítica hai que tomar nota e, en segundo lugar, saber o que pasa e o que pasou". "E se pasou algo de forma incorrecta, que non volva pasar", engadiu. "Se alguén se queixa será como consecuencia de que alguén se sinte tratado de forma inadecuada. Por conseguinte, veremolo e axustaremos se hai algunha conduta inadecuada", incidiu. Neste sentido, e tal e como lembrou, os menús dos centros "están controlados por profesionais e hai traballadores públicos que fan o seu traballo con profesionalidade".
A XUNTA ESTABA SOBRE AVISO
Curiosamente, e antes da emisión deste programa, a pasada semana Feijóo anunciaba, tras o Consello, as condicións de contratación de 133 novos servizos de comedor escolar dependentes da Administración autonómica. Uns menús nos que se valorará positivamente a inclusión de produtos de tempada e adquiridos a menos de 100 quilómetros do centro, así como o uso de lácteos de orixe galega.
Ademais, a Consellería de Educación reservará o 1 por cento do montante da adxudicación para realizar auditorías periódicas do servizo en materia hixiénico-sanitaria ou sobre o cumprimento das condicións do contrato.
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional subscribirá convenios de colaboración con once municipios para a prestación do servizo de comedor en 48 centros educativos, do que se beneficiarán 4.429 usuarios, durante os próximos dous cursos.
A achega total da Consellería ascenderá a 1.146.498 euros, case un 11 por cento máis que nos períodos anteriores, que se destinarán a estes servizos en centros de Ames, Betanzos, Cangas, Ferrol, Gondomar, Meaño, Mugardos, Muíños, Lugo, Santiago e Sarria.
Ademais, este mesmo xoves, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional subscribirá convenios de colaboración con once municipios para a prestación do servizo de comedor en 48 centros educativos, do que se beneficiarán 4.429 usuarios, durante os próximos dous cursos.
A achega total da Consellería ascenderá a 1.146.498 euros, case un 11 por cento máis que nos períodos anteriores, que se destinarán a estes servizos en centros de Ames, Betanzos, Cangas, Ferrol, Gondomar, Meaño, Mugardos, Muíños, Lugo, Santiago e Sarria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.