Por Galicia Confidencial | Composrtela | 19/01/2012 | Actualizada ás 17:22
Estas dúas grandes correntes apuntan nun comunicado conxunto que “entendendo que neste proceso é máis o que nos une que o que nos separa”, decidiron impulsar unha candidatura “conxunta, inclusiva e aberta” a persoas e grupos políticos de base que apoien un “!novo proxecto común para a rexeneración e refundación do BNG”.
Esta lista conxunta será liderada por Xosé Manuel Beiras, como candidato á Portavocía Nacional, e Carlos Aymerich, para a Presidencia da Xunta. Segundo fontes consultadas por GC, o que aínda non está prechado é a porcentaxe final das listas aínda que o resultado final podería aproximarse a un 60 a prol de Máis Galiza, que integraría tamén a xente vinculada a extinta Unidade Galega, quinanistas, Esquerda Nacionalista e Inzar, e un 40% para Encontro Irmandiño, que tamén daría entrada ao movemento de Teresa Táboas e ao PNG-PG.
Cuestións conflitivas
Outro dos puntos conflictivos das conversas dos últimos días foi a división do traballo dentro da Executiva se a lista é a gañadora da asemblea. Finalmente, e segundo estas fontes, a coordinación da Executiva podería recaer en mans de Máis Galiza, mentres que a de Organización sería para o Encontro Irmandiño. En todo caso, ambas as dúas correntes seguen discutindo polo miúdo estas cuestións.
Tanto EI coma Máis Galiza asumen como teses para o proceso asembleario do BNG o documento “Novo proxecto común, refundación e rexeneración do BNG” que ambas as dúas correntes pactaron a pasada semana e que estará aberto a a portes doutros colectivos independentes.
Por iso, fan un chamamento ao conxunto dos militantes a que participen masivamente na asemblea nacional dos vindeiros 28 e 29 de xaneiro para respaldar esta lista conxunta. “Somos conscientes da importancia do paso dado que resposta á demanda expresada por unha grande parte da base social do BNG e da súa contorna. Estamos convencidos de que esas demandas non se verán defraudadas”, suliñan no comunicado.
Nos últimos días, varios dirixentes e militantes nacionalistas insistiran na necesidade de que as dúas correntes chegaran a un acordo conxunto para tentar de vencer á UPG nese congreso. É a primeira vez que se dá un acordo entre as grandes correntes do Bloque, independentes e pequenos partidos para loitar contra a UPG polo poder interno desta formación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.