Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/05/2019 | Actualizada ás 12:27
A Asociación Cultural "Avelino Díaz" informa de que o 15 de maio pasado foi presentada á Real Academia Galega, un ano máis, a candidatura deste poeta ao Día das Letras Galegas, neste caso do ano 2020.
Hai xa anos que esta asociación e os concellos de Riotorto e Meira decidiron organizarse para tratar de divulgar a vida e a obra de Avelino Díaz Díaz (A Órrea, 1897 – Buenos Aires, 1971), tentando que a Academia lle dedicase o Día das Letras en 2017, coincidindo co 120 aniversario do seu nacemento, ou en anos posteriores. Ante os infrutuosos intentos de que a RAG recoñeza a este xornalista e literato, a asociación e os concellos volven insistir na necesidade de "reparar" o que consideran "unha inxustiza". É por iso que a candidatura de Avelino Díaz foi presentada de novo para o Día das Letras do ano 2020.
Nunha misiva enviada á RAG, os promotores da candidatura argúen a importancia e necesidade de homenaxear a este autor no Día das Letras Galegas. En primeiro lugar, "porque o Día das Letras homenaxearía con el, dun ou doutro modo, a diáspora".
A Asociación Cultural "Avelino Díaz" recorda que o autor, nado en Santa Comba da Órrea (Riotorto), pero que pasou boa parte da súa infancia en Meira —polo que foi coñecido como o "Poeta de Meira"— emigrou sendo mozo a Buenos Aires (Arxentina), con 22 anos, onde desenvolveu un intensa actividade xornalística e literaria. "Nunca regresou á Terra, e precisamente por iso a súa obra é, se cadra, máis coñecida en América que en Galicia. A pesar diso, trátase dunha obra de calidade que sen dúbida merece unha investigación demorada, sobre todo se temos en conta que, á marxe dos seus catro volumes publicados, uns 850 poemas están pendentes de localización", expoñen os promotores da candidatura, que tamén salientan a súa condición de exiliado tras a Guerra Civil.
Na súa argumentación tamén salientan que "estamos ante un poeta –xornalista, dramaturgo, ensaísta, activista cultural e político...– practicamente descoñecido en Galicia precisamente por terse formado en América e por ser a súa produción exclusivamente americana".
Alegan, ademais, que "é autor dunha monumental obra poética" (1.178 poemas) e consideran que dedicarlle un Día das Letras "permitiría dispoñer dos medios –inalcanzables doutro modo– para localizar e publicar os aproximadamente 851 poemas da súa autoría que permanecen inéditos, ademais da súa inxente produción xornalística".
Os promotores da candidatura tamén subliñan o seu volume 'Debezos', "o primeiro libro de poesía galega “importante” publicado despois da Guerra Civil, vinte días antes que 'Cómaros verdes', de Aquilino Iglesia, que oficialmente está coinsiderada a primeira obra en galego da posguerra,.
E argúen, ademais, que "Carballo Calero descoñecía por completo" a figura e obra de Avelino Díaz cando publicou a súa 'Historia da literatura galega contemporánea'.
Da súa produción literaria destacabn que "cultivou todos os xéneros poéticos, desde o fondo intimismo ata o paisaxismo, pasando pola poesía de combate, a amorosa, a costumista ou mesmo o hilozoísmo". E lembran que Xosé Neira Vilas definiu a Avelino Díaz como "o máis hábil versificador galego" e quixo presentalo como candidato ao Día das Letras no ano 2015, sen que a Asociación Cultural Avelino Díaz o apoiase na idea, á espera de poder reunir a suficiente información sobre a súa vida e a súa obra".
Tamén destacan o "incesante labor cultural e político" que este autor desenvolveu en Buenos Aires "desde un segundo plano buscado", e salientan que "foi el mesmo quen sufragou a publicación dos tres volumes poéticos que viu publicados en vida".
Os promotores da candidatura defenden que dedicando o Día das Letras a este autor "honraríase toda a colectividade galega que deu o seu apoio inequívoco á República e aos exiliados, e todos aqueles emigrantes e exiliados que mantiveron inalterable o seu amor á Terra e a súa defensa da lingua e da cultura".
Por último, recordan á Real Academia Galega que Avelino Díaz foi precisamente membro correspondente desta institución "en tempos extremadamente difíciles" e súa é "unha obra de calidade, contrastada xa nestes últimos anos por diferentes investigadores e investigadoras".
É por todo isto que a Asociación Cultural "Avelino Díaz", formada por un importante número de colectivos de toda índole dos concellos de Riotorto e Meira, insiste na necesidade de que a RAG recoñeza a este autor no Día das Letras Galegas 2020, apoiada por empresas, colectivos e autoridades municipais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.