Por Galicia Confidencial | Pazos de Borbén | 24/05/2019 | Actualizada ás 20:22
A campaña electoral en Pazos de Borbén remata con tensión. Tanto o concello, do PP, como Alternativa Veciñal, realizaron denuncias cruzadas ante a Garda Civil. Así, mentres os populares critican que apareceran pintadas en contra do PP e a favor desta alternativa política no ambulatorio móbil da localidade, a candidatura veciñas denuncia danos no coche dunha das súas candidatas.
Así, na mañá deste venres o vehículo particular de Victoria Couñago, candidata número tres por Alternativa Veciñal ao concello de Pazos de Borbén, “apareceu raiados por todos lados”. Uns feitos polos que a afectada presentou denuncia na Garda Civil.
Victoria Couñago e Alternativa Veciñal relacionan este incidente coa campaña electoral. Segundo denuncian, durante esta campaña Alternativa Veciñal está a ser obxecto de hostilidades máis alá da discusión política. “Rompéronnos carteis, roubáronnos pancartas, atacan as nosas propiedades persoais, fan pintadas no noso nome", apunta Victoria Couñago. “Estánse a sobrepasar todos os límites, isto non é política, é directamente delincuencia”, suliña.
O candidato de alternativa veciñal á alcaldía, Luciano Otero, apunta á gran tensión que se está a respirar nesta campaña electoral, “a posibilidade de algo tan normal nunha democracia como é un cambio de goberno está a provocar un auténtico terremoto en Pazos de Borbén. Parece que hai xente disposta a todo con tal de que non gobernemos”.
Por outra banda, o PP contraatacou a través do concello. Así, nun comunicado do propio consistorio se denunciou a aparición de pintadas de Alternativa Veciñal no centro de atención de saúde móbil da localidade.
Un feito que o concello tamén denunciou ante a Garda Civil. “Hay personas que no saben lo que tienen, que no respetan lo que es de todos y están muy faltos de educación”, dixo o alcalde, Andrés Iglesias, que indicou que “este ambulatorio móvil es una referencia en España. Recibe muchísimas visitas para copiar este modelo en todo el país e incluso exportarlo al extranjero. Los que mancharon este centro están manchando la imagen de nuestro concello a nivel internacional”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.