Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2019 | Actualizada ás 09:56
As condicións do terreo e a falta de seguridade obrigaron a unha muller perdida e aos seus dous rescatadores da Garda Civil a pasar a noite nun monte do municipio de Ponteceso (A Coruña).
Segundo informou o 112, os dous axentes da Garda Civil que acudiron a buscar á muller "arroupárona e acompañárona ata o amencer", cando puideron volver a casa, situada na localidade coruñesa de Ponteceso.
Os feitos sucederon sobre as 22,30 horas deste luns cando saltou no 112 Galicia un aviso a través da aplicación Alpify 365 correspondente a unha persoa perdida en Monte Branco, preto da Praia de Valarés.
Concretamente, tratábase dunha muller que saíra pasear co can e non era quen de recuperar o camiño habitual de volta á súa casa, indicaron as mesmas fontes. Coas coordenadas que facilitou a aplicación, o persoal do 112 Galicia púxose en contacto coa Garda Civil, que comezou a procura por unha zona frondosa de Cospindo. Pouco tempo despois, acharon á muller, que estaba en "perfecto estado de saúde", concretan as mesmas fontes, pero a volta complicouse debido á inestabilidade do terreo, polo que o equipo de rescate decidiu pasar a noite no monte.
Provistos de suficiente roupa de abrigo, a muller e os seus rescatadores esperaron ao amencer para retomar con mellores condicións o camiño de volta a casa, indicaron as mesmas fontes do 112.
Á primeira hora da mañá deste martes, un equipo do GES de Ponteceso, en coordinación coa Garda Civil, achegou á muller e aos seus rescatadores máis roupa de abrigo e bebidas quentes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.