Por Europa Press / Redacción | VIGO | 06/06/2019 | Actualizada ás 17:25
A titular do xulgado de instrución número 3 de Vigo decretou o sobresemento das actuacións con respecto ao xerente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), José Luís Somoza, na investigación que se segue por suposta falsidade documental na sobrevenda de billetes ás illas Cíes.
Nesta causa, iniciada despois de que a Xunta puxese os feitos en coñecemento da Fiscalía, están a ser investigadas as navieiras supostamente implicadas na sobrevenda de pasaxes ao arquipélago no mes de agosto de 2017.
Esa sobrevenda obrigou a deixar en terra a numerosos viaxeiros que adquiriran a súa pasaxe e motivou que a Xunta puxese en marcha un novo sistema de reservas telemáticas, co fin de que non se volvese superar a cota de visitantes permitidos no Parque Nacional Illas Atlánticas.
Segundo informou a Amtega, o xulgado retirou a condición de investigado a José Luís Somoza a petición da Fiscalía e unha vez que o xerente da Axencia prestou declaración.
A Axencia indicou que a xuíza non aprecia "participación en delito algún" por parte do xerente e sinalou que segue "colaborando" coa Xustiza con para esclarecer o sucedido. De feito, este xoves prestou declaración como testemuña a responsable da área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Amtega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.