Rematar unha carreira universitaria: Un mar de oportunidades... pero fóra de Galicia

Iván Rodríguez, voceiro de Espiral-Mocidade Republicana, explica que actualmente a universidade soamente asegura un traballo cualificado previo pago dun master. Ademais, a meirande parte deles atópanse fóra de Galicia. Pola súa parte, estudantes de todas as áreas de coñecemento explican a situación que viven respecto á finalización dos seus estudos universitarios.

Por Brais Nogueira | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2019 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

Coa implantación no ano 2010 do Plan Bolonia nas universidades do Estado, o modelo universitario cambiou. Pasouse dunha licenciatura de cinco anos aos graos de catro cun ano, en teoría opcional, de especialización mediante un master. Case dez anos despois, as consecuencias que tivo a súa implantación na vida estudantil e un mercado laboral cada vez máis complicado fai que os universitarios galegos teñan moitas dificultades para centrar o seu futuro. Ademais, moitos deles optan por rematar a súa formación fora de Galicia, en ocasións para non volver nunca.

Estudantes en exames de oposicións. XUNTA
Estudantes en exames de oposicións. XUNTA

O voceiro da asociación Espiral-Mocidade Republicana, Iván Rodríguez é moi crítico coas posibilidades que ofrece un título universitario a día de hoxe. “Fai trinta anos cun título optabas a un traballo cualificado, pero agora ofrece unha especialización para quen a poda pagar a través dos master, que normalmente custan o dobre que o grao e piden máis nota para obter becas. Se elixes non cursalo, soamente tes acceso a un traballo precario”, laméntase.

Para Rodríguez os master “son o xeito para devolverlle a universidade ás elites, é a porta de entrada da empresa privada na universidade”. Di isto en referencia en que estas organizacións poden ofertar posgrados. No caso galego pódese ver por exemplo como a Fundación Santiago Rey Pérez-Latorre (presidente de La Voz de Galicia) e a Fundación Amancio Ortega ofertan un na Coruña ou como o IESIDE Business Institute, dependente de ABANCA, organiza en Galicia nove master diferentes. Pero para o voceiro de Espiral esta tendencia non se queda aquí: “Noutro nivel, o FP Dual é o mesmo, segue a mesma lóxica”.

Outro dos puntos clave é a escasa oferta de master que hai en Galicia. “Se ben é certo que os prezos son máis baixos, a meirande parte deles teñen relación coas actividades que se fan aquí e non co tecido produtivo xeral”. O voceiro de Espiral explica que nos últimos anos “máis de 50.000” mozos saíron de Galicia. Tamén considera que é normal que o estudantado estea perdido respecto a que como xestionar a súa vida tras rematar a carreira. “Medramos pensando que esta formación ía garantirnos unha vida estable e agora non o temos. Dixéronnos unha cousa que era mentira”, sentencia.

Para Rodríguez, a única área de coñecemento que se libra da obrigatoriedade do master son as Ciencias Sociais, aínda que tampouco é por un motivo para celebrar. “En moitos casos a maior meta para un estudante que teña estes estudos é optar a un posto público a través de oposicións porque non existe unha demanda de emprego privada”.

Facultade de Medicina de Santiago de Compostela
Facultade de Medicina de Santiago de Compostela | Fonte: USC.

Entre as causas desta situación, sinala a cantidade de universidades que hai en Galicia, un total de tres con campus nas sete cidades galegas.“Isto implica moi pouca visión porque non responde ás necesidades de mercado da nosa economía. Ao final estamos formando unha man de obra que ten que rematar si ou si no estranxeiro ou outras partes do Estado”.

“NON SEI SE VOU PODER VOLVER A GALICIA”

Sara Lozano estuda Xornalismo da USC e o ano que ven vai estudar a Madrid un master relacionado con gabinetes de comunicación. “Evidentemente vouno facer porque me gusta, pero tamén porque é das cousas que vexo que teñen saídas laborais dentro da miña titulación”, explica. Tras facelo, quere volver aínda que non sexa algo sinxelo: "A min me gustaría ter a oportunidade de traballar aquí, pero non sei se vou poder volver a Galicia”.

Kelly Iglesias tomou o curso pasado exactamente o mesmo camiño que vai tomar Lozano agora, coa diferencia de que ela elixiu especializarse en Reporteirismo. Ela marchou fóra de Galicia porque a oferta de master porque no seu campo non hai oferta salvo unhas cousas “moi concretas”. Considera que este ano fóra foi moi positivo, aínda que si que ten o sentimento de "gastar 6.000 euros soamente para facer unhas prácticas”. O ano que ven volverá a Galicia, “pero por motivos moi diferentes ás oportunidades laborais porque no sector audiovisual son moi escasas”.

Quen tamén fixo un master e vai a polo segundo é Candela Pérez, titulada de Filoloxía Hispánica. O primeiro foi orientado á investigación do que saíu moi “desencantada” polo enfoque do mesmo. “Agora vou facer o de Profesorado para sacar unhas oposicións e, polo tanto, poder acceder a un posto de traballo. No meu non queda outra practicamente”. Lembra ademais o último ano de carreira como “ese momento onde todo se te ven enriba porque pensas que hai moitas cousas que facer e é duro comprobar que non”.

MÁIS EXPERIENCIAS

David Calviño estudou Enxeñería de Telecomunicacións na UVigo e foi contratado pola empresa na que cursou prácticas. “Tiven sorte. Sei de coñecidos que para nada están na miña situación”. Aínda así non sabe se continuará empregado nese lugar: “Non é un traballo tan precario como noutras áreas de coñecemento, pero dende logo aquí se cobra menos que en outros lugares polo mesmo”, explica.

Ledicia Díaz vai rematar Física e ten queixas sobre o modelo da carreira, ademais sinala que “os exames non avalían coñecementos en moitos casos, senón o ben saibas facer o modelo, da igual canto domines a materia”. O ano que ven estudiará na universidade Carlos III un master de Tecnoloxía Financeira. “A miña intención é volver a Galicia aínda que é indubidable que hai máis traballo fóra, en último caso quédame a oportunidade de opositar e ser profesora”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Hai trinta anos, en 1990? Non, máis ben hai cincuenta. O do master é herdanza dos ultraliberais do pp, de Aznar e de Wert, pero non se vé que os reitores "progresistas" prefiran outro sistema. A transformación das licenciaturas habilitantes en graos sen valor profesional foi o camiño para a privatización dos títulos universitarios, rebaixando o valor da universidade pública; e isto non o combateu Zapatero, nin despois Rajoy.