Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2019 | Actualizada ás 19:27
O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), participado polo tres universidades galegas e con sede no Campus Vida da Universidade de Santiago, celebrou este venres a xornada 'As matemáticas, vector estratéxico de progreso económico', na que reivindicaron o seu papel en distintos ámbitos económicos e sociais, en especial na loita contra os incendios forestais.
No marco deste encontro presentáronse os resultados do estudo de 'Impacto socioeconómico da investigación e a tecnoloxía matemáticas en España', que revela, entre outras cuestións, o impacto que esta ciencia ten na economía, cun 6% do emprego directo total, o que se traduce nun millón de ocupados.
Ao engadirse os empregos indirectos e inducidos, destaca o estudo, o impacto das matemáticas no mercado de traballo español é do 19% do total de ocupados. A produtividade das ramas económicas nas que traballan este tipo de profesionais en España sitúase en 47,2 euros por hora traballada. Ademais, máis do 10% do PIB español apóiase nas matemáticas, valor que se eleva ao 25% se se teñen en conta os efectos indirectos e os inducidos.
En concreto, as actividades económicas con maior impacto son a informática, as actividades financeiras, os servizos de telecomunicacións e a rama de enerxía eléctrica e gas. Profesionais de alta intensidade matemática como especialistas en bases de datos, finanzas ou deseñadores de software son as ocupacións máis produtivas e as que máis crecerán, segundo o estudo.
Ademais, o informe apunta a que as empresas que utilicen as matemáticas crecerán o dobre que as demais e destaca que son "un ben estratéxico que acelera o crecemento económico".
INCENDIOS FORESTAIS
No transcurso da xornada presentáronse varias experiencias de éxito nas que as matemáticas foron unha "ferramenta clave de innovación", froito da colaboración entre investigadores de ITMATI e a industria.
É o caso do proxecto Enxame, cuxos resultados se están aplicando na axuda á extinción de incendios forestais en Galicia. Así, desenvolvéronse sistemas intelixentes que permiten a cooperación entre as aeronaves e os efectivos de observación, axudando á caracterización do territorio e "a rapidez e eficiencia" das tarefas de extinción.
Tal como explicou a investigadora María José Ginzo, os algoritmos desenvolvidos permiten estimar o perímetro, os focos e área dun incendio, identificar obstáculos como torres eléctricas ou antenas, ata calcular o número de aeronaves que poden estar a participar ao mesmo tempo nunha operación de extinción ou controlar o combustible.
Tamén permite estimar o fluxo de calor que emite a fronte de chama, de modo que o brigadista pode saber a que distancia pode aproximarse para evitar danos, e mesmo calcular a ruta de escape máis segura para as brigadas ante unha situación de perigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.