Por E.P. | A CORUÑA | 18/06/2019 | Actualizada ás 18:17
O Pazo de Mariñán (A Coruña) acolle desde este mércores, e ata o 22 de xuño, o 'II Encontro de Creadores Emerxentes', organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes, as tres universidades galegas e os conservatorios superiores de música da Coruña e Vigo.
Segundo informa a organización, baixo o título 'Arte, natureza e territorio', este espazo persegue "a interacción entre estudantes e profesores para reflexionar sobre o que significa facer arte en Galicia".
Durante o encontro, celebraranse conversacións con artistas como o compositor Juan Durán; o director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), Carlos Vales e a pintora Menchu Lamas. Tamén haberá talleres impartidos polo impulsor do proxecto italiano Segni Mossi, Alessandro Lumare.
Sobre esta iniciativa, a vicepresidenta da Real Academia Galega de Belas Artes, Celestino García Braña, asegura que se pretende poñer en contacto "permanente" a todas as universidades e centros superiores, neste caso conservatorios de música, dedicados aos ensinos artísticos para buscar a interacción entre estudantes e profesores. Nesta edición, participarán uns 30 alumnos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.