A MIT de Ribadavia cumpre 35 anos sendo "a capital do teatro galego por vontade popular"

Este ano as obras xirarán sobre a violencia de xénero, a igualdade, as novas masculinidades, os dereitos humanos ou a xustiza social.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2019 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia celebra o seu 35 aniversario do 18 ao 27 de xuño. O festival aposta por manterse como porta de entrada do teatro internacional. Deste xeito, destaca a obra "Amarillo" da compañía mexicana Teatro línea de Sombra, unha obra referente de teatro documento que aborda o tema das migracións e os conflitos na fronteira entre os EEUU e México.

O director da mostra, Roberto Pascual, explicou este xoves durante a presentación do festival que a MIT de Ribadavia aspira a ser "a capital do teatro galego por vontade popular". Este obxectivo, sumado á idea de que o teatro non caduca, fai posible a estrea en Galicia de "Amarillo", 10 anos despois da súa estrea en México.

A inauguración da MIT será este venres a partir das 20,00 horas e correrá a cargo da compañía arxentina Un poyo rojo. "Trátase dun espectáculo aclamado polo público que este verán só poderase ver en Ribadavia, no festival de Edimburgo e na Bienal de Venecia", destacou Roberto Pascual.

A programación desta edición virará ao redor de temas de gran calado e actualidade como son a violencia de xénero, a igualdade, as novas masculinidades, os dereitos humanos ou a xustiza social.

As entradas que dan acceso a "obras de alta cultura", recoñecidas polo público, a crítica e os premios, terán prezos populares que oscilan entre os 5 e os 10 euros. Esta edición tamén persegue recoñecer o legado das persoas ligadas ao festival e falecidas nos últimos anos como, por exemplo, Ernesto Chao, actor nado en Ribadavia.

O cartel deste ano evoca un caleidoscopio composto por imaxes de compañías galegas e internacionais que pasaron nos últimos anos polo festival e busca representar "a amálgama de formatos, actividades e encontros excepcionais que conforman a MIT".

OURENSE (MIT)
OURENSE (MIT) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta