Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2019 | Actualizada ás 15:45
Ciudadanos Galicia rexistrou unha petición formal no Pazo do Hórreo na que critica o dereito de liberdade de información e solicita que o Parlamento galego emita unha declaración institucional "de condena" á entrevista realizada por Televisión Española a pasada semana ao líder de EH-Bildu, Arnaldo Otegi.
"As televisións públicas non se poden utilizar para lavar a imaxe de terroristas", aseverou o secretario de Organización do partido laranxa na Comunidade galega, Laureano Bermejo, que foi o encargado de rexistrar a proposta na mañá deste martes.
"A entrevista do pasado 26 de xuño tan só serviu para tentar lavar a imaxe dunha persoa condenada por terrorismo, por secuestro e por moitas máis causas", sinalou o tamén concelleiro en Ourense, que apelou "a ser firmes na batalla contra ETA, que aínda que moita xente pensa que terminase, o que non se pode facer é aproveitar as institucións públicas" para "facer un branqueamento" dun "terrorista", expresou, obviando que EH Bildu é un partido legal e que Otegi non ten contas pendentes coa Xustiza.
Así, ademais de solicitar que a Cámara se pronuncie oficialmente en contra da entrevista concedida por Otegi en TVE, Ciudadanos reclama que a Televisión de Galicia (TVG) "non contribúa" a "limpar a imaxe de condenados por terrorismo".
Cuestionado sobre se o seu partido apreciou estas prácticas no ente público galego, Laureano Bermejo recoñeceu que non constataron " nada" pero que tratarán "de evitar por todos os medios" que "se utilice unha emisión pública para sacar a un terrorista".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.