Xogando con lume

Pedro Sánchez está a tentar cadrar o círculo. Pretende que Albert Rivera negocie un pacto que permita dispoñer dunha ampla marxe parlamentaria para gobernar a presente lexislatura. Faino a pesar de que na campaña electoral previa ao 28-A rexistrouse unha forte confrontación entre o bloque das tres dereitas (PP, C's e Vox) e as forzas políticas que fixeron posíbel -na primavera de 2018- o triunfo da moción de censura ao executivo presidido por Mariano Rajoy.

Por Xesús Veiga | Compostela | 17/07/2019

Comparte esta noticia
O resultado das urnas proporcionou unha dobre conclusión: o chamado trío da praza de  Colón non posúe a forza necesaria para investir a Pablo Casado e a hipotética maioría aritmética do Partido Socialista con Cidadáns -formación que, en todo caso, rexeita tal opción- alteraría  substantivamente a vontade dominante expresada polos votantes. O máximo dirixente do Partido Socialista interpreta que o resultado do 28-A comporta como dato indiscutíbel a formación dun goberno  monocolor do seu partido. Pola súa banda, Pablo Iglesias -aliado necesario e/ou preferente para conformar a maioría parlamentaria- sostén que é imprescindíbel a súa participación directa no Consello de Ministros. O bloqueo, polo momento, está consolidado.
 
Pedro Sánchez ten unha oportunidade histórica: presidir o primeiro goberno de coalición de ámbito estatal desde 1977. Ademais da evidente estabilidade política, tal circunstancia promovería unha necesaria pedagoxía social: desde hai 4 anos non estamos no marco do bipartidismo imperfecto que dominou o taboleiro electoral en todas estas décadas e iso implica a adopción de novas prácticas por parte das forzas políticas presentes nas institucións parlamentarias. Por qué se resiste a facer realidade esta nova lóxica? É debido á presión das estruturas dun partido que -máis aló das experiencias dos gobernos dalgunhas CCAA- non está afeito compartir o poder no Executivo central? Ou estamos ante os efectos da presión de certos poderes  fácticos, alérxicos á presenza de Unidas Podemos nalgunhas carteiras ministeriais?
 
Pablo Iglesias situouse, voluntariamente, nun labirinto que non parece ter unha fácil saída. O método de negociación elixido outorga unha prevalencia á participación no goberno por encima da calidade dos acordos programáticos que poida subscribir co PSOE. Chegou ao extremo de aceitar -sen negociación- a posición de Sánchez no tratamento do conflito catalán. Ao colocar o listón nese lugar, Iglesias arruinou, polo menos de momento, a posibilidade dunha fórmula parecida á que está vixente en Portugal nos últimos anos: un pacto de lexislatura sobre os temas básicos da axenda política cun control específico -adicional ao que se practica na propia dinámica parlamentaria- para vixiar o seu cumprimento. Esta fórmula permitiríalle a  UP unha marxe de autonomía  estimábel para marcar un perfil diferenciado do PSOE e previr mellor un eventual desgaste asociado ao propio feito de  cogobernar.
 
Sánchez e Iglesias están a xogar con lume. Un fracaso na administración dos resultados do 28-A podería desgastar -aínda que fose en magnitudes diferentes- aos seus respectivos partidos e facilitar o triunfo das tres dereitas nunha teórica repetición electoral no mes de novembro.
 

O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez,
O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, | Fonte: Moncloa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.