Entidades de toda a península únense contra as minarías que deixan o territorio "furado, contaminado e ermo"

Movementos sociais de España e Portugal reivindican un rotundo "non á extracción especulativa e contaminante" no Día Mundial Contra a Minaría ao descuberto.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/07/2019 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

Con motivo do día mundial contra a minaría a ceo aberto, celebrado o 22 de xullo, as plataformas veciñais de todo o Estado únense para denunciar un ano máis "o perigo ao que está sometida a Península Ibérica como consecuencia da gran cantidade de expedientes solicitados que pretenden deixar unha península furada, contaminada e erma, o que propiciará o baleirado, aínda máis do que xa está, das zonas rurais".

Terreos da mina de Touro. EUROPA PRESS - Arquivo
Terreos da mina de Touro. EUROPA PRESS - Arquivo

Aseguran, a través dun comunicado, que se "pretende enganar á poboación coa falsa premisa de creación de emprego e do asentamento da poboación nestas zonas, xa deprimidas pola desidia e abandono das institucións". Con todo, as estatísticas oficiais desmenten estas promesas: por unha banda, "a media de traballadores é inferior a 15 persoas", e pola outra, "ameazan miles de empregos reais, arruinando a familias que xa desenvolven actividades sustentables na maioría dos casos, como nas Villuercas, na Serra de Gata e en moitos outros lugares de Extremadura", sentenzan.

Fronte á idea de que nas zonas rurais non hai alternativas laborais, estas plataformas veciñais en contra das minerías a ceo aberto reivindican que no rural "se desenvolve a vida, sen présa nin pausa, traballando sen prexudicar a outros sectores e sen ameazar as opcións de futuro". Citan como exemplos da "alternativa destrutiva" que eles propoñen os do occidente de Asturias, en Salave; ou en Touro, ou en San Fins, o Monte Neme.

"Ampáranse na sustentabilidade, pero esgotan recursos naturais non renovables, eliminan a terra fértil que permite a alimentación, queiman inxentes cantidades de combustibles fósiles e de enerxía, acaparan grandes cantidades de auga para contaminala con metais pesados e tóxicos químicos, e abandonala posteriormente", critican. Isto -contan- é o que temen en Ávila, na Sierra de Yemas e no Valle del Corneja, entre outros lugares. Se ben as empresas mineiras din que a súa actividade se fai en nome da Transición Enerxética e da alternativa "cero emisión", "proxectan minería de litio e outras materias primas en lugares Patrimonio Mundial Agrícola como Covas do Barroso, en Portugal; e en lugares Patrimonio da Humanidade como a cidade de Cáceres".

As plataformas critican a negación e a invisibilización das consecuencias destes proxectos mineiros, que se desenvolven "sen ningunha transparencia e aproveitándose do descoñecemento". "A única realidade é que estas empresas que queren instalarse nos nosos territorios non buscan o beneficio dos lugares, senón que perseguen o seu propio beneficio

expoliando e destruíndo todo o que atopan ao seu paso", sentenzan. E por iso, as plataformas antimegaminería da península Ibérica aseguran que continuarán "traballando sen alento", "para que a ambición duns poucos non estea por riba dos dereitos da cidadanía".

 

Esta rede contra a minaría está conformada polas seguintes plataformas: a Plataforma veciñal mina Touro e O Pino Non, Plataforma Vida e Ría ou minaría de Lousame, as plataformas da Rede Contraminacción de Galicia, a Coordinadora Non á Mina de Uranio de Salamanca , Plataforma No en Mi Tierra de Zamora, a Plataformas Non á Mina na Sierra de Yemas, Non á Mina no Valle del Corneja, Plataforma No a la Mina en la Sierra de Ávila, a Plataforma Salvemos la Montaña de Cáceres, a Plataforma de La Raya Sin Minas de Valencia de Alcántara, Plataforma Tamuja de Plasenzuela, Plataforma Sierra de Gata Viva tamén de Cáceres, Plataforma Salvemos las Villuercas, Plataforma Oro No de Tapia de Casariego en Asturias, Plataforma Salvemos Esparteros de Morón de la Frontera en Sevilla, a Plataforma de Afectados por Metais Pesados de Llano del Beal en Cartaxena e Unidos em Defensa de Covas do Barroso de Portugal. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta