Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2019 | Actualizada ás 18:15
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) comezou este luns a procura de dúas mulleres ourensás asasinadas e enterradas presuntamente nunha fosa común á entrada da Igrexa de Mosteiro de Ribeira, no concello ourensán de Xinzo de Limia, o 29 de outubro de 1937, durante a Guerra Civil.
O testemuño de varios veciños da parroquia aseguraba que as vítimas apareceron tiroteadas e os seus corpos foron trasladados ao cemiterio de Mosteiro de Ribeira. Posteriormente, os cadáveres foron inscritos como "unha muller descoñecida" no Rexistro Civil.
Neste sentido, a Asociación indicou que unha destas vítimas do Franquismo era María del Valle Lozano, que naceu o 12 de novembro de 1886 en Canedo (Ourense). Afiliada ao Partido Comunista, en 1937 enviudó e ese mesmo ano foi detida e trasladada ao cárcere de Celanova, de onde foi sacada e asasinada cando tiña 49 anos.
A outra vítima, segundo as mesmas fontes, era Salud Torres Díaz, natural de Ourense. Era delegada da Unión General de Trabajadores (UGT) e tiña só 25 anos cando foi sacada do cárcere xunto a María del Valle e conducidas a unha paraxe coñecida como Lomba de Lamas (Xinzo de Limia), onde foron asasinadas dun disparo na cabeza.
DIFICULTADES
"A posible fosa común non está exenta de dificultades, xa que os cambios xurdidos ao longo dos anos no cemiterio da localidade poden afectar os restos. A ARMH comprometeuse cos familiares das vítimas para realizar unha intervención no lugar co fin de poder recuperar os restos, así como rescatar as súas historias como defensoras da liberdade e da democracia na provincia de Ourense", destacou a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.
Outra das intervencións que levará a cabo a Asociación será en Celeiros, co fin de recuperar os restos de Benigno Fraga Pita, "guerrilleiro antifranquista abatido pola Garda Civil en Candedo o 27 de abril de 1949".
As intervencións serán dirixidas polo arqueólogo Serxio Castro e nelas participa un equipo formado por unha decena de voluntarios chegados de varios puntos de España.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.