Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2019 | Actualizada ás 14:06
Continúan os traballos por parte da Xunta para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra para que sexa nomeada Patrimonio Mundial da Unesco no ano 2021.
Este martes celebrouse unha reunión de traballo en Santiago de Compostela onde se presentaron os puntos fundamentais do plan de xestión da Ribeira Sacra, á que asistiron o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e varios alcaldes da zona situada entre as provincias de Lugo e Ourense.
Este plan de xestión está formado por tres puntos. Un apartado está orientado á dinamización do territorio no ámbito da Ribeira Sacra, un segundo apartado aborda a posta en marcha de mecanismos de prevención e protección dos valores patrimoniais e un terceiro que ten que ver coa coordinación administrativa do investimento da zona.
O conselleiro destacou que espera que "o ano 2021 dea unha boa noticia e que Galicia poida sumar un ben patrimonial máis á súa lista". Así, animou aos alcaldes, concellos, administración e sociedade civil a "involucrarse" neste "gran obxectivo" para que a Ribeira Sacra poida ser Patrimonio da Humanidade no mesmo ano que o Xacobeo 2021.
Así mesmo, o conselleiro mencionou que as actuacións relacionadas con este proxecto "levan moito tempo en marcha" e que "todo está orientado". Ademais, segundo Román Rodríguez, "xa se tomaron todos os acordos a nivel ministerial e a outros niveis". Desta forma, espera que no ano 2021 este territorio vitivinícola da comunidade poida "competir" directamente no ámbito da Unesco.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.