Por Europa Press / Redacción | Compostela | 24/07/2019 | Actualizada ás 21:50
Un ano máis, as forzas nacionalistas e independentistas volverán celebrar por separado o 25 de xullo, xornada na que Santiago seguirá sendo o 'epicentro' dos actos das forzas políticas, aínda que partidos como PSOE, Podemos e Esquerda Unida optaron por 'descentralizar' o Día de Galicia e elixiron puntos como Rianxo, Marín e Mugardos, respectivamente.
Este 25 de xullo será unha nova xornada de reivindicación da "patria" galega para as formacións nacionalistas que, desde o ano 2012 coa ruptura da forza que ata entón aglutinaba o sentir 'nacional', convocan diferentes actos na capital galega. Tamén as forzas independentistas celebrarán por separado esta data tan simbólica para o país. E, en parte, a xornada virá marcada polo que aconteza no Congreso dos Deputados, onde se celebrará a segunda votación para a investidura como presidente do Goberno do candidato socialista, Pedro Sánchez.
NACIONALISMO E GALEGUISMO
Como cada ano, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) marchará polas rúas de Compostela. A manifestación partirá ás 12,00 horas da Alameda para concluír na Praza da Quintana, onde a portavoz nacional, Ana Pontón, pechará o acto.
No barrio de Vista Alegre, repite En Marea no que será o primeiro 25 de xullo tras a división definitiva do espazo político da esquerda rupturista e que provocou que no Parlamento, a En Marea oficial estea no Grupo Mixto con catro deputados. A formación que lidera Luís villares elixiu como 'leit motiv' da súa celebración do Día de Galicia, ademais do seu proxecto nacional, o ecoloxismo, un dos "alicerces" sobre os que queren sustentar un proxecto político que pretenden diferenciar das propostas de BNG, Podemos e PSdeG coa vista posta nas autonómicas previstas para o próximo ano.
A 100 metros destes, no parque de Galeras, parte de Anova --esta formación está dividida á espera do seu futuro incerto-- celebrará o seu primeiro acto político do 'Día da Patria Galega'. Non esta prevista a participación de quen foi o fundador deste movemento e histórico do nacionalismo, Xosé Manuel Beiras.
Pola súa banda, a formación galeguista Compromiso por Galicia (CxG) iniciará o día cunha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres de Bonaval, en Santiago. Tras un paseo pola capital galega, desprazaranse ao parque de Eugenio Granell, onde terá lugar un acto político no que participarán membros da dirección do PNV.
PSOE, EN RIANXO CUN OLLO EN MADRID
O Partido Socialista volverá a Rianxo para realizar a súa tradicional ofrenda floral ante a estatua de Castelano, o polifacético galeguista natural da localidade do Barbanza. Na vila natal de Castelao estará o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, na que será o seu segundo 25 de xullo como líder do PSdeG e o primeiro como cabeza da oposición no Parlamento galego unha vez formalizado o seu ingreso como deputado o pasado mércores.
Pola súa banda, o Partido Popular xa celebrou os seus actos con motivo do Día Galicia, xa que decidiu adiantalo a este martes 23 para reservar os días 24 e 25 á axenda institucional. Foi no Concello de Lalín (Pontevedra), onde os populares homenaxearon "ao rural galego" cunha ofrenda floral aos pés da estatua de 'Balbino', onde está emprazada esta escultura en honra ao protagonista do libro 'Memorias dun neno labrego', do escritor Xosé Neira Vilas.
PODEMOS, EU E COMPROMISO
Ademais, Esquerda Unida tamén repite localización: o Concello de Mugardos (A Coruña), gobernado desde 2016 por Pilar Díaz, militante da federación galega de Esquerda Unida. Alí estará a coordinadora nacional de EU e deputada de En Marea, Eva Solla.
Marín (Pontevedra) é o lugar elixido por Podemos Galicia, que transforma a súa idea, iniciada o ano pasado, de celebrar o "día da matria" por un acto ampliado a "toda a idea do feminismo". Terá lugar na praza de Carmen Pesqueira 'A Capirota', unha lavandeira violada e asasinada por un grupo de falanxistas en 1936.
INDEPENDENTISMO
Tamén as dúas grandes forzas independentistas galegas, Causa Galiza e Agora Galiza - Unidade Popular celebrarán por separado o Día da Patria Galega. A primeira forza incidirá no seu proceso Trevinca, para a consecución da independencia de Galicia, nunha manifestación que comezará ás 12.30 desde Alameda, pouco despois de que inicie a do BNG, formación coa que non conseguiron chegar a un acordo para ir xuntos. Pola súa banda, Agora Galiza celebrará unha concentración, ás 13.00 horas, na Praza do 8 de Marzo na que reclamarán unha "Galiza antifascista, livre e vermelha".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.