Por Galicia Confidencial | Tui | 24/07/2019 | Actualizada ás 14:25
Mañá, día 24 de xullo, cúmprense seis anos desde que o tren Alvia que procedía de Madrid con destino final en Ferrol descarrilase na curva da Grandeira, no lugar de Angrois, no concello de Santiago de Compostela, nese tren viaxaba a miña nai, que faleceu no accidente, tiveron o mesmo destino fatal outras 79 persoas, moitas vidas truncadas.
Non é fácil encontrar consolo cando ocorre algo así, pero que se poidan esclarecer as causas do accidente e que os responsables paguen polas suas responsabilidades políticas e/ou penais pois desde logo axuda porque crea un sentimento de mínima xustiza, dun certo resarcimento, nada disto se produciu, RENFE, empresa pública, dependente do goberno, era a responsable do comboi, e ADIF, empresa pública, dependente tamén do goberno a responsable da vía.
A liña Ourense-Santiago de AVE, despois do acidente dixeron que non o era, que non era AVE, entrara en funcionamento a finais do 2011, cunha inauguración express de José Blanco, nos últimos días de Rodríguez Zapatero como presidente do goberno, despois soubemos que os requisitos de seguranza da liña foron rebaixados, suprimindo a instalación do sistema de seguranza ERTMS no tramo da curva, para que esa vía puidese ser inaugurada por quen a inaugurou.
O acidente produciuse cando o goberno de Mariano Rajoy xa levaba un ano e medio exercendo o poder, é evidente que había unha fenda de seguranza como advertiron os maquinistas, ao pór de manifesto que a transición de 200 a 80 km/h era moi brusca e coas condicións de seguranza, ou mellor dito, de inseguranza da vía, co sistema ERTMS desconectado, podería dar un desgusto, ninguén lles fixo caso, tanto RENFE como ADIF teñen responsables de seguranza que pese a non ter feito ben o seu traballo, non foron castigados polos seus xefes políticos, todo o contrario, como veremos.
Despois do accidente o poder político actou en tres liñas, ningunha encamiñada a que se soubera porque morreran oitenta cidadáns, todas elas encamiñadas a evitar o esclarecemento das causas do accidente:
A primeira, a propaganda, facerlles homenaxes aos viciños de Angrois para distraer a atención e repetir até a saciedade que o maquinista era o único responsable, mentres se lles enviaba os antidisturbios aos da Plataforma, no primeiro aniversario do acidente.
A segunda liña de actuación foi a de facer todo o posible por dificultar a investigación, tanto na frente xudicial como na política, foron patentes as queixas do xulgado polo retraso na entrega de documentación, foi moi grave a operación da Xunta de enviar uns peritos que non tiñan nen idea de seguranza ferroviaria e fixeron copia-pega do informe da CIAF (Comisión (Pseudo)Independente de Acidentes Ferroviarios), que segundo a Unión Europea non foi unha investigación en absoluto independente o que motivou a abertura dun procedimento de infracción a España por parte da Comisión Europea e que ainda está en marcha. Na frente política só foi posible levar adiante unha comisión de investigación no Congreso ao aproveitar a Plataforma de Vítimas a “oportunidade política” que apareceu despois da vitoria de Pedro Sánchez frente a Susana Díaz, que fora apoiada por José Blanco, ese axuste de contas interno permitiu que houbese comisión de investigación xa que os votos do PSOE eran imprescindibles.
O que aconteceu despois na comisión de investigación revela que esas fendas estaban xa moi ben fechadas, xa era mais relevante tapar ao compañeiro Blanco que vingarse del por ter apoiado a Susana. PP e PSOE estiveron de acordo en impedir a emisión do documental Frankenstein 04155 que ainda non foi emitido en ningunha TV en aberto de ámbito español, por suposto tampouco pola TVG, pero ainda se cabe mais bochornosa, foi a dobre comparecencia do responsable da pseudo-investigación, que revelou pola mañá que a ministra Pastor lle dixera que nada de reabrir a investigación e que pediu intervir novamente pola tarde para rectificar o que dixera pola mañá.
En terceiro lugar políticos e técnicos, relacionados dunha ou doutra forma co acidente, foron ascendidos de forma sistemática por PP e PSOE, no caso do PP podemos mencionar a Ana Pastor (á que eu lle persoalmente que mudase de atitude) , que pasou de ministra de Fomento a presidenta do Congreso, Rafael Catalá, de Secretario de Estado de infraestruturas a Ministro de Xustiza, sí, leches ben, a Ministro de Xustiza, Gómez Pomar, que era presidente de Renfe, foi nomeado Secretario de Estado de Infraestruturas, Manuel Niño, de Director Xeral de Ferrocarris a Secretario de Infraestructuras e Presidente da Axencia de Seguranza Ferroviaria. Pablo Vázquez, de presidente de Ineco, empresa pública responsable da avaluación de riscos da liña Ourense-Santiago foi nomeado presidente de Renfe.
O PSOE non quixo ser menos; a José Blanco concedeuselle un prácido e ben remunerado retiro como europarlamentario, Isabel Pardo de Vera, que fora a directora de obra do tramo do acidente, foi nomeada Presidenta de ADIF, Carlos Díez Arroyo, exdirector da líña de alta velocidade do noroeste en Adif, foi nomeado Director da Axencia de Seguranza Ferroviaria, Alfonso Ochoa, de Director Xeral de Operacións e Enxeñaría a Director de Mantimento de ADIF e Andrés Cortabitarte, Xefe de Seguranza de Adif, agora mesmo imputado, foi nomeado Subdirector de Desenvolvimento e Innovación de ADIF. O actual Presidente de RENFE, Isaías Táboas, foi Secretario de Estado de Transportes entre 2010 y el 2011, cando se executou a liña mortal, avogada do estado, Consuelo Castro, moi activa no xuizo acusando ao xuiz instrutor de convertir a instrución en “una suerte de inquisición general sobre la actividad de Adif” foi nomeada avogada xeral do Estado e Directora do Servizo Xurídico do Estado.
Despois de seis anos a opinión pública xa non comunga coa roda de muiño de que o maquinista foi o único culpable do acidente, tense avanzado moito, tanto na frente xudicial, na que o estado ten usado todos os recursos ao seu alcance para torpedear o esclarecemento, como sobre todo na loita pola opinión pública. Todo o meu agradecemento e admiración a Jesús Dominguez, o presidente e os compañeiros activistas da Plataforma de Víctimas do acidente do Alvia por ter conseguido tantas cousas enfrentándose nen nada máis nen nada menos que ao propio estado, con todo o seu poder.
Se hoxe estamos mais perto de gañar esta batalla desigual é grazas á intervención da UE, motivada polo traballo da Plataforma, que desenmascarou a estratexia ocultadora do estado e que a día de hoxe continua exixindo unha investigación independente, que o goberno español non quere facer, veremos que dá de si o procedimento sancionador derivado da falta desa investigación independente e se o goberno do señor Sánchez continua apostando firmemente por ocultar as causas reais da morte de oitenta persoas, non creo que lle importe pero doulle un dato, a miña nai era militante do seu partido desde 1985 até o seu homicidio imprudente, o partido lembrouse dela no 2014 pero foi para reclamarlle a cota impagada. https://carlosvpadin.gal/
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.