Por Valentin Carrera | Teo | 29/03/2012
A cuestión é si no 2012 os métodos de loita sindical deben seguir sendo os mesmos que en tempos da Revolución Industrial. Todos temos en mente a imaxe que inmortalizou Bertolucci como póster de Novecento: o cadro orixinal, obra do artista italiano Pelliza da Volpedo, chámase xustamente “O cuarto estado”, e é de 1901.
¿Cal ha de ser o cartel dunha folga obreira no ano 2012? ¿Onde está –ou onde debería estar- a vangarda do proletariado? Hoxe mesmo o ensaísta José Luís Álvarez (El País) pon o acento na diana: “Os instrumentos de acción dos traballadores seguen sendo obsoletamente locais. O gran reto sindical é organizativo”.
Así pois, mentres o capitalismo campante organízase en Davos, Trilaterales, G8, G20, e demais foros e fundacións de distintos pelaxes, os sindicatos convocan unha sí, moi lexítima folga, a vella usanza de Novecento. Mentres a crema do noso empresariado -un auténtico oligopolio; este, sí, preconstitucional- organízase con axuda do mesmísimo Rei, os sindicatos de clase pelexan a lanzadas como don Quixote contra os muíños de vento.
Os tempos adiantan que é unha barbaridade, aínda que nalgúns estamentos solidamente momificados aínda non se decataron de que neste país, e globalmente, houbo un 15M. Si de verdade queren defendernos aos traballadores con eficacia, os departamentos de I+D de CCOO e UGT deberían traballar día e noite na invención de novos métodos de loita sindical, coa mesma axilidade que amosan bancos e multinacionais para desbordar o marco local ou estatal.
Pola mesma razón que, gobernados por Merkel e Sarkozy, españois, portugueses e gregos deberiamos poder votar nas próximas eleccións de Alemaña e Francia, por esa mesma razón global, os sindicatos deberían aparcar o século XIX e poñer en marcha xa a Folga 2.0: entón si, poderían aspirar a ser “O cuarto estado” e volverían ser a vangarda dun proletariado que hoxe ten nas redes sociais unha forza mobilizadora inmensa. Estou seguro de que si CCOO e UGT –e os seus homólogos europeos- fosen capaces de facer por fin unha Folga 2.0, poderían facer moita “pupa” ao capitalismo. Si non o fan, por favor, vaian preparando o seu propio ERE.. @Tornarratos