O obxectivo seica era frear a expansión desta especie exótica e invasora que se multiplicou por nove dende o Inventario Forestal de 1986; si, si, un incremento do 780%! A moratoria era claramente insuficiente e incapaz de racionalizar o agroforestal do país e, ademais, nin sequera cumpriu o seu cutre obxectivo. Segundo datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG), a superficie de eucalipto aumentou en 6.000 hectáreas respecto ao ano anterior, alcanzando un total de 419.051 hectáreas, o que supón un incremento engadido do 1,4% ., habemos lembrar que a superficie forestal de Galicia é 9 puntos superior á da España (47% vs 38%). Hai case 700 millóns de árbores en Galicia, un ratio de 260 por persoa, o dobre do índice español. Polo contrario, a Superficie Agraria en Galicia está nada menos que 13 puntos por debaixo da española (34% vs 47%), o que reflite o devalo e a insuficiencia da produción agraria de Galicia. Esta moi notable diferenza aumentaría de forma importante se se computa a superficie dedicada a agricultura para o consumo humano xa que a especie principal do agro galego é o millo forraxeiro, dedicado evidentemente á alimentación do gando.
Atendendo aos últimos datos do Inventario Forestal de Galicia, a superficie forestal do país repártese entre unhas 620.000 hectáreas de frondosas, outras 420.000 de piñeiros e a mesma superficie de 420.000 Ha de eucaliptos. Porén, estas cifras poden non reflectir con precisión a realidade; hai plantacións de piñeiros substituídas por eucaliptos non rexistradas mentres que e a presenza desordenada de eucaliptos en bosques mestos dificulta a súa contabilización precisa.
A presentación dos datos con esa distribución suaviza a comparación ao contrapoñer unha especie –o eucalipto ou o piñeiro– fronte a unha familia completa, as frondosas autóctonas. Vexamos algúns datos por provincias tomando a información da ferramenta “Explorador Forestal” da Universidade de Valladolid. Na provincia da Coruña, o 47,2% da masa arbórea corresponde ao eucalipto, fronte ao 9,6% dos carballos ou o 3,5% dos castiñeiros. En Pontevedra, temos o 38% de eucalipto fronte ao 16% de carballos e 1,6% de castiñeiros. En Lugo e Ourense, o predominio é dos piñeiros, que supoñen o 37% e o 47% respectivamente do total provincial; o eucalipto supón o 22% en Lugo (porcentaxe que se duplica no norte da provincia) e incluso o 1% en Ourense, onde existe a impresión xeral de que a especie invasora non ten presenza na provincia ourensá; e si, si que a ten. Hai que dicilo ben claro unha e outra vez: este proceso de colonización masiva do territorio por parte dunha especie exótica é absolutamente único en toda Europa e, con case toda seguridade, no mundo enteiro. Co dicionario na man, podemos falar xa que logo dunha auténtica aberración estrutural.
A comparación vólvese aínda máis incrible se poñemos en contraste a superficie destinada a eucalipto en Galicia á que se destina a cultivos agrarios de consumo humano. Así, con datos do capítulo 07 das últimas Estatísticas Agrarias do Anuario do MAPA, hai en Galicia apenas 32.000 Ha dedicadas a cereal non forraxeiro, 26.000 a hortalizas, legumes e oleaxinosas, 20.000 a árbores froiteiras, e 298 Ha a oliveiras. En total, 78.000 Ha de superficie agraria de consumo humano fronte ás 420.000 Ha de eucaliptos. Semella ben clariño que, dende unha óptica estratéxica, Galicia precisa incrementar notablemente a súa produción de cereais, hortalizas, legumes, oliveiras e froiteiras, en especial nun tempo onde os desequilibrios e os conflitos globais fan temer pola seguridade alimentaria.
Lembremos de maneira críptica os efectos sobradamente demostrados do eucalipto:
- A uniformidade das plantacións de eucalipto altera de xeito drástico e desnaturaliza a paisaxe galega, co seu efecto pernicioso sobre o turismo.
- O eucalipto reduce de forma moi importante a diversidade de especies, tanto vexetais como animais.
- O eucalipto empobrece os nutrientes do solo, xa que logo a produtividade da terra, e aumenta o risco de erosión.
- O eucalipto consome grandes cantidades de auga, afectando os recursos hídricos subterráneos –os acuíferos– e potencialmente tamén os caudais fluviais.
Recordemos outrosí que en 2017, o Comité Científico do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) emitiu un ditame unánime recomendando a inclusión do eucalipto no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras. O informe sinalaba que estas especies presentan características invasoras, como a capacidade de desprazar especies autóctonas, alterar os ecosistemas e facilitar a propagación de incendios forestais.
A este conxunto de factores rotundos, hai que engadir a ameaza da empresa portuguesa Altri e a súa proposta de construír unha macrocelulosa en Palas de Rei. Plantea dúas fases: na primeira, consumiría 1,2 millóns de toneladas de eucalipto ao ano (ademais doutras consecuencias medioambientais de gravísimo alcance); na segunda fase, outro millón. Iso implicaría aumentar a demanda actual de eucalipto de Galicia en torno ao 40% respecto ás cantidades actuais, o cal suporía o golpe de graza final para o medio natural galego.
Chegados a este punto, pódese afirmar que a moratoria decretada en 2021 resulta completamente insuficiente. É necesario establecer un veto a novas plantacións de eucalipto non autorizadas e permitir só aquelas que non ocupen terras onde se poidan plantar variedades agrarias de consumo humano ou árbores autóctonas. E comezar a partir de aí un proceso de substitución dos eucaliptos polos múltiples cultivos posibles e necesarios no país. Esa idea que se repite en certos eidos segundo a cal “do eucalipto benefícianse moitas familias” é unha falacia absoluta. Esas mesmas familias beneficiaríanse moito máis –e máis rápido tamén– se plantan calquera outro cultivo axeitado á súa comarca e ao seu terreo. A substitución progresiva do eucalipto por cultivos forestais ou agrarios autóctonos, reduciría o déficit produtivo de alimentos de orixe vexetal en Galicia e, aínda máis, estaría en consonancia coa Directiva de Restauración da Natureza da UE, que busca restaurar polo menos o 20% das zonas terrestres degradadas para 2030.
Como levar a cabo ese proceso de substitución merece unha análise detallada que abordaremos, se cadra, noutro artigo. Mais xa podemos anticipar que os Grupos de Desenvolvemento Rural deberían xogar un papel determinante, ofrecendo asesoramento técnico e apoio efectivo aos propietarios de terras, en estreita colaboración coas asociacións, cooperativas e sindicatos agrarios de Galicia. Deste modo poderiamos avanzar cara a un territorio sostible e produtivo libre da hipoteca abafante que supón o eucalipto.