Veraneantes

Así os chamábamos antes. Os veraneantes chegaban co seu SEAT 1.500 de familia numerosa, o bikini delas e o Meyba deles, as súas cremas protección 6, os seus náuticos sen calcetíns e o seu agudo acento castelán. Dicían aguadilla por solago, sorprendíanse pola subida da marea, fartábanse a ameixas e berberechos, facían barbacoas, bebían cubatas e nunca xamais metían un pé na auga que estaba xeada; ao cabo non resultaba imprescindible porque calor tampouco é que fixera demasiada.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 22/08/2024

Comparte esta noticia
Daquela os veraneantes eran elementos exóticos que provocaban certo agarimo entre os residentes e incluso algo de paternalismo ante a impericia que amosaban na relación co medio mariño e as súas circunstancias.
 
A medida que os datos macroeconómicos melloraban en España, así medraba o fluxo de veraneantes a Galicia. O agarimo do pasado foise esvaecendo e tornándose nun neutral e puro interese comercial. Xa ninguén os chamaba daquel xeito; pasaran a ser madrileños, un termo menos cariñoso aplicado mesmo cando a familia procedese de Palencia, Zaragoza ou Ciudad Real. Os coches eran agora suecos ou alemáns, usaban polos Ralph Lauren e bañadores de pasarela, as súas lentes puñan Prada ou Cartier e viñan todas e todos feitos un pincel. Os madrileños víanse coma fonte de ingresos principal porque gastaban bos cartos en apartamentos alugados, prazas de hotel, restaurantes a pé de praia, tendas de souvenires e salas de festa. Aturábanse con xesto de póquer e sorriso de compromiso á espera dunha boa propina após degustaren unha de percebes de Cedeira, rodaballo do Atlántico, torta de queixo ao forno e un chupito de balde de licor café. 
 
A cousa non quedou aí. A pandemia seica inxectou no ser humano a urxencia por viaxar. A xente traballa buscando unha vindeira oportunidade e imaxinando o seguinte destino. E así os lugares turísticos, que antes gozaban do cromatismo e animación dos visitantes, víronse de repente sobrepasados por hordas de individuos dispostos a todo con tal de ocupar aquel metro cadrado de areal, facerse a fotografía de rigor e probar ata o último longueirón. Da presión que o veraneante sofre ante a competencia do veciño e da repugnancia que o residente sinte ante a invasión do exterior, chega o inevitable conflito. Se a isto se lle engade a posición chufona e arrogante de moitos dos que chegan de fóra –bautizados en Galicia coma fodechinchos–, o conflito adquire a perigosa condición de aldraxante, e entón temos a lea montada. 
 
Vén isto a conto da decisión do Puerto Martina Baar, localizado en Mera, de pechar unha semana de Agosto para evitar o “desgaste” que provoca no persoal as actitudes dos “madrileños”. No tweet que xustifica a decisión, o xerente do bar di textualmente: “si cae una bomba en Mera quedan sin tontos en la Meseta”. Non semella a frase máis conciliadora. A actitude do bar meracho reflicte unha reacción habitual se temos en conta o modelo Irridex que desenvolveu George Doxey nos anos 70. O modelo explica como cambia a actitude da comunidade local a medida que medra o turismo, e suxire a existencia de catro etapas: euforia, apatía, irritación e antagonismo. A medida que aumenta a presión do turismo, as comunidades locais pasan da acollida cordial a un descontento crecente, que finalmente pode culminar na aberta hostilidade. 
 
Neses mesmos anos 70, os psicólogos sociais Henri Tajfel e John Turner propoñen a Teoría da Identidade Social segundo a cal as persoas tenden a categorizarse a si mesmas e aos demais en grupos, creando unha distinción entre "nós" e "eles". No contexto do turismo, os veciños ven os turistas coma un grupo externo que ameaza os seus hábitos, recursos e modo de vida, o que provoca conflito e rexeitamento. Inda que esteamos a vivir esta resposta como algo recente en Galicia, vemos que a problemática vén de lonxe. 
 
Que facermos? Inda que non o pareza, a política está para favorecer as contornas de paz e compresión, así que debíase esperar algo dos gobernantes dun e doutro lado a prol da tolerancia mutua e en contra das actitudes belixerantes ou simplemente estúpidas. Tamén hai medidas de natureza económica que se poden adoptar. As taxas turísticas están para regular o tamaño da demanda, por exemplo. Hai outrosí decisións de tipo empresarial que poden axudar a regular o fluxo de clientes. A aplicación dunha tarifa mínima por mesa ou por cadeira ocupada pode ser unha delas. O cobro do servizo ou cuberto, como se fai en Portugal, pode ser outra. Aplicar programas de afinidade con prezos rebaixados para consumidores habituais tamén se podería considerar. 
 
Alén de medidas concretas, o orgullo e avaliación do propio revélase a mellor resposta ante a actitude prepotente dos visitantes de fóra. Ese sentimento de hipotética superioridade que amosan algúns quedaría desactivado e iría desaparecendo se como sociedade practicásemos como pauta a reafirmación do noso. A lingua é o grande exemplo e tamén o elemento máis potente do que contamos. É simplemente terrible observar como bares, restaurantes, hoteis e demais servizos e establecementos, ignoran a lingua propia de Galicia e mesmo ofrecen os seus menús ou catálogos en cinco ou seis linguas, ningunha das cales é a lingua galega. 
Ter en Galicia o castelán coma primeiro idioma de calquera servizo é unha cesión inxustificada que outorga ao visitante unha condición hexemónica que sen dúbida aproveita. Ignorar a lingua galega implica a invisibilización da cultura propia o cal anima a ese desprezo que moitos veraneantes amosan. Animo á Xunta de Galicia a lanzar un programa continuo de introdución da lingua galega nos servizos turísticos, e servizos en xeral, do país. E tamén a Concellos e Deputacións, así como a asociacións sectoriais e profesionais, para colocar a lingua galega como primeiro código de comunicación na industria dos servizos. Respectaríannos bastante máis e o conflito diminuiría salvo para eses ignorantes que avogan pola cultura e idioma únicos; é dicir, agás para os fodechinchos. 

Cartel dun bar de Mera avisando sobre os fodechinchos
Cartel dun bar de Mera avisando sobre os fodechinchos | Fonte: Tuiter
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego