As portadas dos medios españois deberían abrir coa petición dun exministro de Interior para imputar o Partido Popular pola trama de corrupción e espionaxe que chaman Kitchen. Esa noticia faría tremer en calquera país “normal” os alicerces da organización sinalada. Pero en España non é así. En España as noticias de portada, alén do xenocidio israelí en Palestina, son as algaradas que se montan a diario fronte á sede do Partido Socialista e as denuncias que se van acumulando en secuencia calculada contra o acordo de amnistía acadado entre ese partido e os nacionalistas cataláns. Obviamente, a amnistía é a coartada; a causa xenuína é que a dereita non vai gobernar.
Seica é unha nova estratexia dos partidos –chamémolos– conservadores polo mundo adiante. En USA foi Trump; en Brasil, Bolsonaro. Quen son os instigadores e alentadores das accións violentas en España? Dunha maneira máis ou menos manifesta, son estes:
Un señor que nos meteu nunha guerra miserable que causou decenas de miles de mortos e que tentou enganar sobre a autoría do maior atentado terrorista ocorrido en España.
Una señora que deixou morrer 8.000 anciáns sen atención médica e cuxo irmán se embolsou centos de miles de euros traficando con máscaras en plena pandemia.
Un home cuxo mellor amigo era un narcotraficante, que acadou o poder por mor dunha desprezable campaña de infamias e calumnias e que se mantivo nel regando os medios con cartos públicos.
E outro home que se declara admirador de quen deu un golpe de Estado, provocou unha guerra de aniquilación de compatriotas e instaurou un réxime militar totalitario, represor e asasino.
Estes son os que proclaman que unha maioría parlamentaria é unha ditadura e un acordo entre partidos políticos, unha traizón.