A información sobre a asignación dos fondos Next Generation vaise espallando aos poucos, en doses irregulares e sempre insuficientes. Avanzan os chamados PERTE, esas liñas que deben concretar os proxectos a financiar nos distintos sectores. Indagamos no PERTE Agroalimentario e o que vemos resulta excepcionalmente frustrante.
Vou dar unhas cifras cuxa constatación é tan estarrecedora para o futuro do país que non necesitan texto explicativo. Proceden da última Encuesta sobre Superficies y Rendimientos Cultivos (ESYRCE) publicada polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación:
A. Mentres que en España, a superficie dedicada a cultivos agrarios é dun 33,4%, en Galicia esa proporción é dun 12,1%.
B. Contemplando a superficie dedicada a cultivos agrarios, en España o 5,8% corresponde a especies forraxeiras mentres que en Galicia esa proporción é dun 63,3%.
C. En consecuencia, mentres que en España, o 25,9 % da súa superficie se dedica a cultivos para consumo humano, en Galicia esa proporción é do 3,9%.
D. Mentres que en España, a superficie dedicada ao forestal é do 38,4%, en Galicia esa superficie é do 60,8%. Da superficie forestal de Galicia, unha soa especie ocupa practicamente un terzo: o eucalipto.
Se non se senten absolutamente alarmados polas cifras anteriores, suxírolles que as volvan repasar.
A maioría das informacións sobre os Next Generation en Galicia refírense ao proxecto da viscosa, isto é, a transformación de madeira de eucalipto en tecido. Teño a impresión de que se trata máis dunha iniciativa propia de I+D que de execución industrial. Percibo un índice moi elevado de incerteza sobre a viabilidade do proxecto e uns riscos non suficientemente valorados. O feito de que os promotores demanden unha forte inxección de capital público para confirmar o seu interese confirma os temores. Pero realmente o que máis me preocupa deste asunto é que está opacando o auténtico debate: como imos utilizar os Next Generation para garantir a autonomía alimentaria das futuras xeracións en Galicia.
O goberno galego debería estar artellando proxectos en torno ó sector agroalimentario de acordo co conxunto de axentes con influencia sobre a materia. Proxectos coma estes:
Proxecto 1: adecuación de terras abandonadas ou inzadas de eucaliptos para a plantación de trigo, millo, centeo, cebada e avea en gran, e desenvolvemento dunha industria da fariña e produtos derivados do cereal. Comparación actual Galicia vs España neste apartado: o 1,07% da superficie de Galicia destínase a cereais por un 12,2% de España.
Proxecto 2: adecuación de terras abandonadas ou inzadas de eucaliptos para a plantación de hortalizas, leguminosas e oleaxinosas, e desenvolvemento dunha industria de produtos derivados destas especies. Comparación actual Galicia vs España neste apartado: o 0,12% da superficie de Galicia destínase a hortalizas, leguminosas e oleaxinosas por un 2,9% de España.
Proxecto 3: adecuación de terras abandonadas ou inzadas de eucaliptos para a plantación de árbores froiteiras (maceiras, pereiras, cerdeiras, limoeiros, amendoeiras, nogueiras, castiñeiros, abeleiras...), de grande rendibilidade por certo a partir dos 4 anos, e desenvolvemento dunha industria froiteira no país. Comparación actual Galicia vs España neste apartado: o 0,67% da superficie de Galicia destínase a árbores froiteiras por un 3,1% de España.
Proxecto 4: adecuación de terras abandonadas ou inzadas de eucaliptos para a plantación de oliveiras, e apoio ás empresas galegas produtoras de aceite para o desenvolvemento do sector. Comparación actual Galicia vs España neste apartado: en España hai 2,77 millóns de Has. de oliveiras espalladas por todo o territorio (non só Andalucía); en Galicia, temos 52 Has. (non 52.000, non: 52) a pesar das magníficas variedades autóctonas e as boas condicións climáticas en boa parte do territorio.
Resulta xa absolutamente perentorio recuperar terreos para o cultivo de especies de consumo humano en Galicia a risco de que o país se aboque a unha dependencia endémica do exterior para a súa alimentación. Non vai haber mellor ocasión ca os fondos Next Generation; o tempo segue correndo ante a abraiante pasividade de goberno e oposición.