Unha das medidas adoptadas cando se fusionaron as antigas Caixas galegas, foi a de utilizar a lingua galega na súa comunicación pública. Foi un tempo breve porque as inclemencias financeiras continuaron e o Banco de España, de común acordo co Ministerio de Economía que dirixía daquela o desacertado De Guindos, decidiron privatizar a entidade ás présas. Así foi como chegou Escotet e como naceu Abanca. O seu lema inicial era "Sentir común" e axiña se albiscou que con ese adxectivo "común" se referían en exclusiva a quen se expresaba en castelán.
O proceso de abandono da lingua galega en Abanca avanzou a eito deica esta mesma semana cando na Coruña nos atopamos con grandes carteis en castelán anunciando a reapertura do edificio Avenida. A hexemonía lingüística do castelán dentro da entidade supostamente galega chega ata a súa Fundación de carácter cultural, que sempre utilizara en exclusiva a lingua galega; porén hai uns meses que o castelán non fai máis que gañar presenza tamén en Afundación.
A "política" lingüística de Abanca encontra similitudes noutras organizacións e empresas galegas que limitan o uso da lingua a casos illados ou a unha cota minoritaria da súa publicidade. Os casos máis alarmantes atinxen ó sector servizos porque son estas empresas as que teñen un contacto frecuente co cidadán e, xa que logo, as que máis inflúen na percepción que os galegos e galegas podemos ter sobre a vixencia da lingua propia. Velaí o exemplo dos supermercados, coma poden ser Froiz, Gadisa ou Vegalsa-Eroski, que dan un pasiño adiante e outro pasiño para atrás en función do humor dos seus directivos, supoño eu. Outro caso se cadra máis lamentable, e disparatado incluso, son os restaurantes que marxinan dun xeito unánime o uso da lingua propia pero adoptan o inglés ou o francés coma se os galegos non tivésemos dereito a ler os menús no idioma de noso.
Vén isto a conto dos últimos resultados publicados polo IGE que amosan o devalo que semella imparable do uso da lingua galega e a súa dramática situación en especial nalgúns tramos de idade –os máis novos apenas a utilizan– e nalgunhas cidades, vilas ou bisbarras. A alerta espallouse coma un incendio nun eucaliptal e ata o goberno galego do PP fixo amago de reaccionar. A situación de emerxencia da lingua propia de Galicia so pode reverterse pola actuación decidida dos principais axentes sociais, entre os cales a empresa é un estamento completamente esencial.
A marxinación no uso da lingua galega entre a maioría de empresas do país –hai excepcións admirables– explícase por dúas razóns básicas: unha, por miopía aguda; outra, por complexo de clase. A seguir desenvolvo estas ideas:
Dispor dunha lingua propia supón un auténtico regalo para o marketing e a comunicación dunha empresa. En Galicia, o idioma galego representa un elemento emocional e simbólico dun valor comercial incuestionable. Ao usar o galego, as empresas en Galicia achéganse ao seu público natural de maneira auténtica, ao tempo que conseguen diferenciarse no mercado global. Cada día con maior intensidade, a autenticidade constitúe un activo clave, e a lingua galega é a chave máis eficaz para acadar esa autenticidade en Galicia. As empresas que empregan o galego logran conectar cun público que se sente respectado e valorado, e este vínculo, ademais de fidelizar os clientes, potencia a súa imaxe da marca. Por outra banda, a lingua galega constitúe un eixo de diferenciación que achega prestixio e autenticidade tamén ante os consumidores foráneos, que buscan cada día con maior interese produtos e servizos que reflictan as raíces e valores locais. Unha lingua, xa que logo, non é exclusivamente unha ferramenta de comunicación, senón tamén un motor de identidade e competitividade. As empresas que non entenden isto cometen un grave erro estratéxico e deixan fuxir estupidamente unha oportunidade de ouro.
Diciamos que a outra razón para a marxinación da lingua galega é o complexo de clase que moitos padecen, en especial entre a elite dirixente. Trátase dunha especie de cosmopaletismo, unha ideoloxía que banaliza o idioma galego e fai abrazar a lingua que perciben asociada ao poder. O cosmopaletismo nótase naqueles que, ao desprezar á lingua galega, crense máis listos, máis guapos e, sobre todo, máis madrileños. Este complexo de clase agocha unha profunda aversión á identidade propia ao considerar a lingua galega coma un obstáculo para ascender social e culturalmente. O desleixo ante o galego transcende a mera manifestación lingüística e tórnase un absurdo sinal de distinción que leva a asumir modelos e códigos alleos asumindo que son superiores aos propios.
Disque a Xunta organizou equipos de traballo para repensar o Plan de Normalización Lingüística, aquel que foi aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004 e que o goberno do PP traizoou nada máis chegar Feijoo ao poder. Pero non podemos seguir esperando por plans de dubidoso obxectivo real. O que necesitamos é unha reacción inmediata e decidida desde a sociedade da cal as empresas forman parte ineludible. O tecido empresarial galego debe asumir a súa responsabilidade sen máis dilación. A lingua galega non é só un patrimonio cultural; é unha ferramenta estratéxica para o éxito. As empresas que a adopten estarán apostando por un futuro máis sólido, sostible e competitivo. Galicia, como país e mercado, vale máis porque ten unha lingua propia. As que non o vexan así, perden unha oportunidade única e afástanse da súa propia sociedade e, polo tanto, do seu futuro.