As 3 leccións do Ulla

Galicia é un país paradoxal. En cada eido presenta exemplos que fan sentir o orgullo de noso canda realidades mesquiñas e incomprensibles.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 09/05/2023

Comparte esta noticia
 O Val do Ulla, a poucos quilómetros de Compostela, non é unha excepción. Noutrora terra de agro e leite, de lampreas e salmóns, de carballos e salgueiros, hoxe perdeu boa parte da súa pasada vizosidade. Duns días pola bisbarra, obtemos unhas conclusións que deberían servir de inspiración para unha estratexia de auténtico desenvolvemento no rural: 
 
1. Erradicar o eucalitpo esixe resolucións drásticas. 
Eito a eito vai callando a idea de o eucalipto ser unha especie devastadora que acaba co solo, as augas subterráneas, a biodiversidade, a paisaxe e, en xeral, as expectativas de recuperación do rural galego. A plantación de calquera outra especie –arbórea ou agraria– resulta non so moito máis respectuosa co medio senón tamén máis rendible coma explotación, sobre todo se se considera a cadea de valor que se xera a partir dos produtos agrarios e dos froitos arbóreos. Está a abrollar unha corrente de substitución, aínda tímida, que se vai espallando polo país, tamén polos concellos do Val do Ulla. Certo que hai propietarios enrocados que non queren explorar ningunha outra posibildade, pero tamén é certo que moitos outros comezan a valorar as múltiples alternativas existentes. 
 
No Val do Ulla obsérvase a realidade actual do eucalipto dun xeito ilustrativo. Hai Concellos como pode ser o de Teo nos que, malia a súa escasa presenza, detéctanse amplas zonas de bosque autóctono infectado de eucalipto. A evolución esperable é a habitual nestes casos: o aumento da especie invasora e a perda das árbores autóctonas. Por outra banda, hai Concellos con zonas de expansión de eucalipto malia a moratoria en vigor e outras onde se retoma a plantación de árbores froiteiras ou mesmo a explotación agraria; un exemplo pode ser o Concello de Vedra. E despois hai Concellos coma Boqueixón onde o eucalipto é a especie absolutamente hexemónica. De feito, abonda con subir ao Pico Sacro e observar o inmenso eucaliptal que se abre aos pés do monte lendario. 
 
O Val do Ulla demostra que as políticas timoratas non serven para substituír o eucalipto por árbores froiteiras e cultivos agrarios. É preciso empecer de xeito inequívoco a plantación dun so eucalipto máis e facilitar o coñecemento e os recursos necesarios para recuperar a actividade agro-forestal dirixida a relanzar o sector agroalimentario ao tempo que se reordena o territorio e se rehabilitan os solos e a paisaxe.  
 
2. É urxente artellar unha estratexia da auga 
As terras do Ulla son pródigas en frases encol do tempo. Xa que estamos no mes que estamos, velaquí unha delas recollida no traballo Meteoroloxía e clima nas coplas e refráns da Ulla: “Chove en abril e maio, e non chove en todo o ano”. En Abril deste ano apenas choveu; maio non parece que vaia ser moi distinto. O problema non é so que vai chovendo menos; é tamén que as precipitacións andan descarreiradas: meses de seca e xornadas de enxurrada. Un paisano (é dicir, un home do país) conta como está incidindo a falta e variabilidade da auga na colleita do seu millo, e os efectos son alarmantes.
 
Recuperar a produción agraria en Galicia, absolutamente esencial se queremos diminuír a enorme dependencia alimentaria que padecemos, implica artellar unha estratexia da auga. Primeiro, eliminar o eucalipto, que seca os acuíferos, e rexenerar os solos para facer que recuperen os nutrientes. E axiña planificar unha infraestrutura de auga que permita recoller, almacenar e distribuír auga cando se necesita sen competir coas reservas destinadas ao consumo humano. É urxente deseñar ese plan e non parece que ningunha administración o estea levando a cabo nestes momentos. 
 
3. Hai que refundar os Grupos de Desenvolvemento Rural 
Sempre pensei que os Grupos de Desenvolvemento Rural habían ter un papel fundamental na recuperación do agro en Galicia. Creáronse na Unión Europea no marco da Política Agrícola Común (PAC) na década dos 90 co obxectivo de potenciar o desenvolvemento rural e aumentar a competitividade das zonas rurais da UE.  Atopamos un home na parroquia teense de Pontevea que plantara nos últimos anos castiñeiros, nogueiras e piñeiros de piñóns e estaba planeando plantar oliveiras. Queixábasenos da falta de apoio e asesoramento. Cando lle mencionamos os GDR, contestounos cunha frase que denotaba unha evidente falta de aprecio e consideración. 
 
Noutro momento da estadía, damos coa publicación “Corrente abaixo, un percorrido de ensoño. Rutas polos ríos Ulla, Tambre e Xallas”, elaborada polo GDR Terras de Compostela. É un libriño ben pensado e executado, de carácter claramente turístico malia que inclúe un último capítulo que titula “Unha guía para reflexionar”. Nese capítulo, lístase o decálogo de “liñas estratéxicas” que propón o GDR19. Entre as dez medidas, nada se di da erradicación, ou cando menos, substitución do eucalipto. Hai dúas medidas de carácter agrario: “Ofertar pequenas parcelas para cultivos ecolóxicos ós habitantes da cidade” e “Recuperación de terreos agrícolas para a produción de forraxes nas proximidades das concas fluviais”; iso é todo. 
 
En Galicia hai 24 Grupos de Desenvolvemento Rural. Son equipos especializados e de carácter local. Teñen a capacidade de participar activamente na necesaria revolución do medio rural galego. Poden identificar os eucaliptos que invaden bosque autóctono ou terra agraria. Poden definir os cultivos agrarios e froiteiros que mellor se adaptarían a cada zona en función das súas condicións climáticas, morfolóxicas e edáficas. Poden asesorar aos propietarios sobre o cultivos máis acaídos ás súas terras. Poden estimular a unión de explotacións para unha maior produtividade. Poden crear bolsas de emprego en función dos proxectos agro-forestais posibles. Poden promover acordos con distribuidores para facilitar a colocación dos produtos agro-forestais do seu territorio no mercado. Poden, en síntese, cumprir os ambiciosos obxectivos para os que foron fundados alá polos anos 90. 
 
Tomen nota das tres leccións do Ulla en Medio Rural, en Economía, nas Deputacións e nos Concellos. E actúen de vez: non se pode perder máis tempo. 

 

Río Ulla en Vedra
Río Ulla en Vedra | Fonte: wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego