Por E.P. | A CORUÑA | 09/08/2019 | Actualizada ás 16:17
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, defendeu o "compromiso" do Executivo coa Comunidade galega, á vez que reclama ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "sentido de Estado" para colaborar "na procura común do mellor para Galicia".
Nun comunicado, reclama a Núñez Feijóo "tranquilidade, calma, acougo e non teatralizar xa que non pode nin debe pretender facer a axenda dos membros do Goberno de España", sinala ante as críticas do titular do Executivo galego a este respecto. Por iso pídelle que traballe "na xestión do seu Goberno, que bastante ten, e non busque inimigos onde non os hai".
O delegado do Goberno incide, mentres, en que o Executivo "coopera con lealdade coa Xunta de Galicia, como demostra o feito de que Galicia é a cuarta comunidade con máis convenios asinados co Goberno de España, pois rubricou acordos por case 139 millóns de euros en 2018, só por detrás da Comunidade de Madrid, Andalucía e Castela e León".
"Hai que adaptar un Estado autonómico e plural como é o noso á acción dos diferentes gobernos. O señor Feijóo non pode ser o único que decida como é a actividade política en Galicia". "Hai máis institucións como concellos, deputacións ou o propio Goberno de España que desenvolven as súas propias competencias, o que fan os ministros é facer o seu traballo en toda España e Galicia é España", prosegue.
GOBERNO "ESTABLE"
Por outra banda, Losada pide a Feijóo que evite utilizar "palabras como chantaxe e similares" nun contexto no que "se está dicindo que é necesario un goberno estable, un goberno que deixe de estar en funcións", por iso pídese a todos os partidos políticos colaboración "porque non hai outra alternativa".
"O sentido de Estado non é confrontar. Este Goberno non quere confrontar senón cooperar, como no tema financeiro", argumenta. Respecto diso, pon como exemplo a situación financeira das comunidades autónomas, que o Executivo estuda a fondo tentando atopar solucións que permitan facer fronte aos pagos mentres está en funcións", sinala ante as demandas da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.