Luís Villares critica a "palabrería barata" de Pedro Sánchez e pídelle que evite o drama dos inmigrantes do Open Arms

Di sentir vergoña do goberno español e da Unión Europea por “mirar cara outro lado fronte á infamia humanitaria que estamos a ver cada día no Mediterráneo".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/08/2019 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O voceiro de En Marea Luís Villares envioulle este martes unha carta aberta ao presidente en funcións do Goberno de España, Pedro Sánchez, na que lle pide "valentía" política para desbloquear a situación do barco de "Open Arms", con 120 inmigrantes a bordo no Mediterráneo.

Luís Villares no Parlamento Galego
Luís Villares no Parlamento Galego | Fonte: EN MAREA

"Defender aos máis débiles fronte ás institucións comunitarias dálle credibilidade a un discurso que se diga progresista e senta as bases para que a cidadanía europea volva crer nun proxecto común baseado na igualdade, a solidariedade e a xustiza social", sinala Villares na súa misiva.

Villares criticou o cambio de actitude de Sánchez dende que fai un ano acollera ao Aquarius a agora, onde segundo o voceiro de En Marea “fala por boca de Ábalos cuestionando a quen invocan os dereitos humanos para salvar vidas”, o que fai que Villares cuestione se “fai un ano todo valía para salvar unha vida e agora todo vale para non facelo”, pois asegura “a xente que morre afogada non pode agardar pola burocracia duns consensos europeos que non chegan porque os que agora gobernades non queredes”.

 

O voceiro de En Marea di sentir vergoña do goberno español e da Unión Europea por “mirar cara outro lado fronte á infamia humanitaria que estamos a ver cada día no Mediterráneo a causa dunhas guerras e unha miseria xeradas polo noso modo de vida, o da supostamente avanzada civilización occidental”.

 

Para Villares, cómpre que Sánchez, que “leva meses invocando a necesidade dun goberno progresista, abandone a palabrería barata orfa de obras” e “dea a cara polos dereitos humanos, contra o racismo, as desigualdades e  o espolio colonial e ecolóxico no que se basea a nosa forma de vivir”.  

 

Villares aproveita tamén para criticar a Sánchez a conta da investidura, preguntándolle como explicará á cidadanía “que confíe nun Presidente do Goberno que non fixo nada nun drama humanitario coma este”.   

 

“Se En Marea gobernase a Xunta de Galicia”, afirma o voceiro, “calquera dos 122 portos de competencia autonómica terían os brazos abertos para acoller ao Open Arms”, co que garantirían “o dereito ao refuxio e unha vida digna para todas nunha Europa aberta e solidaria, e ti poderías escusarte en nós diante dos indolentes popes europeos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Roxalia

Pobre homiño, continúa actuando coma se for alguén, coma se tiver importancia. Emperadorciño espido, rodeado de abutres desplumados.