Vantaxes da dimisión de Conde Roa

1ª. Defensa propia: Si o actual alcalde de Santiago, don Xerardo Conde Roa, evidentemente inocente, dimite motu proprio, antes de que as circunstancias lle lo impoñan e o seu partido lle lo esixa, recuperará unha grande paz e tranquilidade persoal e familiar, que lle desexo sinceramente. Así poderá defenderse mellor, coa liberdade persoal que agora non ten polas súas obrigas e servidumes institucionais. Ademais, poñerá no seu sitio a quen lle ataca sen misericordia e non será cómplice deses mesmos que, crucificando a un inocente, enlaman o bo nome e prestixio de Santiago de Compostela.

Por Valentin Carrera | Teo | 11/04/2012

Comparte esta noticia
2º.- Descubrila conspiración: O Sr. Conde Roa vai necesitar todo o seu tempo para defenderse dos cargos que ladinamente lle imputan e desentrañar a conspiración (“a cara escura da lúa”, que diría o Alcalde citando a Pink Floyd). Os seus inimigos son moitos e poderosos porque se enfronta a uns inspectores de Facenda que han ir a por el, ¡¡iso está claro!!, e que lle están castigando cun trato discriminatorio, por ser Vos quen sodes. Tamén terá que enfrontarse a todo un Fiscal, seguramente politizado e movido por algunha man negra; e quen sabe si a un Xuíz de intencións tortas, ademais duns cantos funcionarios xudiciais que, como todo o mundo coñece, son filtradores profesionais de sumarios. E logo está a prensa. ¡Que panorama!
 
3º.- Xerar ingresos privados: O Sr. Conde Roa, avogado, empresario e promotor inmobiliario de acreditada traxectoria, ten dereito a refacer a súa vida e o seu patrimonio, afundido pola crisis e pola súa entrega vocacional á política e os seus moitos sacrificios a prol do ben común, como sen dúbida lle recordará con frecuencia quen lle queira ben. Polos datos publicados, a súa situación económica é complicada: iso pódelle pasar a calquera e debe ser mirado con benevolencia, e máis nos tempos que corren. 
 
Con todo, co seu actual soldo de alcalde a tempo completo, o Sr. Conde Roa necesita 200 mensualidades (uns 16 anos) cunha cota moi razoable de 1.500 euros ao mes, para pagar non menos de 50 quilos das antigas pesetas, é dicir, 300.000 €, ou o dobre si prestamos oídos ás maledicencias sen dúbida resentidas e desinformadas do Sr. Bugallo. Pola contra, si dimite olímpicamente, o Sr. Conde Roa poderá volver á súa actividade privada e poñer en orde canto antes os seus prósperos negocios inmobiliarios.
 
4º.- Un equipo sólido: Para o PP de Santiago todo son vantaxes tamén. A dimisión de Conde Roa corrixiría un erro de cálculo –ou unha “información insuficiente”- e liberaría os seus valedores e avalistas políticos dunha incómoda papeleta. O PP de Santiago demostrará a tanto incrédulo e paspán que son un equipo sólido e teñen banquiño. Xa sabemos que o Barça non é o mesmo sen Messi, pero quédalles Pujol, Cesc…; en fin, eu creo que Guardiola a estas alturas xa non ten dúbidas sobre a nova aliñación. A cidade sairía gañando cunha alcaldesa MASP (moza aínda que sobradamente preparada), con impecable currículum. 
 
5º.- Lección de democracia para canallas: Para o PP de Galicia, a dimisión de Conde Roa sería unha bendición: non só faría torniquete nunha hemorraxia pouco convinte en vésperas electorais (aínda que falte un ano para as autonómicas), senón que poñería na picota a toda esa panda de políticos corruptos dos outros partidos, principalmente os do PSOE –que son os que tocaron máis poder- e que moito se enchen a boca agora pedindo tal e tal, pero eles cal e cal. Así, dimitido exemplarmente Conde Roa, e elevado aos altares da dignidade política, os orozcos, cabaleiros, pachis, brancos, irisarris e demais tropa terán que calar e tomar boa nota de tan exemplar comportamento. Do cal sairemos todos gañando.
 
6º.- O retorno trala absolución: Si Conde Roa permanecese no cargo os tres anos que restan de lexislatura municipal, sufriría un gran desgaste persoal e político, un calvario para el, o seu equipo, o PP e a cidade; e non podería poñer en orde a súa vida e a súa economía como xa se dixo. Mais, si dimite mañá mesmo, cando sexa absolto, dentro de dous ou tres anos –porque non teño a menor dúbida de que será absolto de acusacións tan inxustas e tan infundadas-, poderá voltar á vida pública coa súa inmaculada folla de servizos e o aval de ter sabido sacrificarse pola súa cidade e polos seus. Entón, si, farase xustiza. @Tornarratos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].