Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/09/2019 | Actualizada ás 11:59
Os dez deputados que até agora formaban o grupo parlamentario de En Marea -despois do paso doutro catro parlamentarios ao Grupo Mixto- presentaron este martes a súa nova marca, 'Grupo En Común da Esquerda' que, aseguran "é un cambio de nome pero non é un cambio de proxecto".
Nunha rolda de prensa na que participaron nove dos deputados do grupo -coa ausencia dunha das viceportavoces, Carmen Santos- os parlamentarios presentáronse como os "lexítimos herdeiros" de AGE e as mareas locais, marcando así as distancias co partido de Luís Villares que mantén a marca de En Marea.
"Vímonos na obrigación de cambiar ao nome -do grupo parlamentario de En Marea- ante a existencia dun partido que tiña un nome igual que o noso grupo parlamentario", dixo o portavoz, Manuel Lago, en referencia á formación que lidera Luís Villares e da que forman parte os catro deputados do grupo mixto, Paula Verao, Pancho Casal e Davide Rodríguez, co propio Villares á cabeza.
Deste xeito, Lago insistiu en que o grupo conformado por persoas pertencentes a Podemos, Esquerda Unida e Anova pese ao cambio de nomenclatura "non é un proxecto novo, vén de lonxe e vai para lonxe".
DIVISIÓNS
Por tanto, sosteñen que o Grupo Común da Esquerda é o "lexítimo herdeiro" da experiencia política que "naceu como acordo en AGE" na pasada lexislatura, "continuou co enorme éxito das mareas ciudadanistas" en maio de 2015 "e conseguiu o seu enorme éxito con En Marea como principal partido da oposición" tras as eleccións autonómicas a pesar de que perdeu ese status por mor da separación do grupo o pasado mes de xuño.
Ademais e a pesar de que negan que esta vaia a ser a marca electoral que se empregue nas próximas eleccións galegas do 2020, os parlamentarios si cren que o traballo que desempeñen na Cámara galega será un aval importante para a configuración dunha nova candidatura de unidade popular.
"Vai haber unha candidatura de unidade popular rupturista para derrotar a Feijóo e este grupo vai ser unha peza importante na construción desa alternativa", proclamou Lago, que en todo caso apelou ao papel que para iso xoguen tamén os "partidos, as mareas e as persoas independentes" a través dun "ambiente de unidade, consenso e optimismo" que non marcou a última etapa de En Marea.
Ademais do cambio de nome, En Común tamén presenta un cambio organizativo en tanto que desaparece a figura de portavoz único que marcou os tres primeiros anos de En Marea con Luís Villares á fronte e que causou continuas discrepancias internas.
"PROXECTO PLURAL"
"Xa que somos un proxecto político plural tomamos onte a decisión de que a representación pública deste grupo tamén ten que ser plural e coral", esgrimiu Lago que pasa a ser o portavoz do grupo no plano máis institucional.
Como a "figura de portavoz único non nos gustaba" agora as tarefas dividiranse entre varios deputados de forma que o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, será o encargado de ser "o azoute de Feijóo" posto que será a persoa encargada de realizar a función de control ao presidente galego e será o que o interpele nas sesións plenarias.
Mentres tanto, a membro da dirección de Podemos Galicia, Luca Chao, pasará a ser a responsable de comunicación do grupo e será a persoa encargada de dar conta dos acordos da xunta de portavoces e de realizar as roldas de prensa que de forma habitual o grupo realiza cada luns.
Neste sentido, Luca Chao defendeu o proxecto do Grupo Común da Esquerda abre unha "nova etapa" e enfronta "un ano decisivo" no que todos os deputados buscan "servir máis aínda de altofalantes da Galicia que dista moito da imaxe de triunfo que pretende vender o PP".
Con ese obxectivo, segundo Chao, desde o Grupo Común trasladarán á Cámara os problemas derivados da precariedade laboral, do desmantelamento dos servizos públicos, as ameazas do medioambiente e serán o reflexo das demandas dos colectivos feministas, entre outros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.