O PPdeG admite que a situación na Atención Primaria durante o verán foi "complexa" pero "a Xunta reaccionou"

A oposición reproba a xestión sanitaria da Xunta e incide na eventualidade e o PP rexeita todas as súas propostas de mellora.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/09/2019 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

Toda a oposición reprobou no Parlamento a xestión sanitaria da Xunta, con especial foco no "desastre" do pasado verán e na eventualidade do cadro de persoal. Co fin de paliar a situación, defenderon varias iniciativas encamiñadas a "mellorar" o primeiro nivel asistencial, cubrir as vacantes de persoal ou aumentar o cociente respecto de enfermaría e paciente, entre outras cuestións, que rexeitou o PP.

Na Comisión de Sanidade, o deputado popular Aurelio Núñez Centeno recoñeceu que a situación no verán na Atención Primaria foi "complexa e difícil", pero engadiu que a oposición non a considerou o suficientemente grave como para pedir durante a época estival que se reunise a Deputación Permanente --órgano reitor no Parlamento durante os períodos inhábiles--.

Tamén esgrimiu que a Xunta non permaneceu cos brazos cruzados e impulsou medidas incluídas, por exemplo, no Plan de Atención Primaria, aprobado en maio tras meses de negociacións cos colexios profesionais e os sindicatos, pero cuxos efectos aínda terán que facerse notar posto que se activou xusto antes do verán.

"A Xunta reaccionou", defendeu o parlamentario popular, antes de remarcar que "o principal problema" da Atención Primaria agora mesmo é a "escaseza de médicos de familia e pediatras". Unha dificultade compartida, subliñou, "co resto de comunidades" e que depende tamén, lembrou, do Executivo central.

ENFERMEIRAS "CUBRINDO CENTROS DE SAÚDE SEN FACULTATIVO"

Co transfondo da loita das enfermeiras, que denuncian eventualidade e centos de contratos ao longo dos seus anos laborais, e recentes folgas de colectivos sanitarios na hemeroteca, o deputado socialista Xulio Torrado lamentou que os populares e a Xunta se limiten a "botar sempre a culpa a outro".

Torrado acusou a Sanidade de provocar "o peor verán de xestión sanitaria que se lembra" e de "pasar do caos ao desastre absoluto". "Enfermeiras cubrindo centros de saúde sen facultativo",exemplificou e incidiu na "especialmente escandalosa" cobertura da PAC, con menos profesionais dos que lles corresponden por "sistema" pola "negativa" do Sergas a contratar substitutos.

É o caso, sinalou, de Baltar ou Portonovo, ou a "situación extrema do Grove", con "seis prazas" pero "con días cun só profesional" en pleno verán nunha zona que tamén é destino de vacacións.

Mentres, lembrou que hai profesionais que "acumulan 250 contratos en tres anos, que levan dez anos cubrindo o mesmo posto con contratos periódicos, ou cubrindo baixas dun ano con contratos dun mes".

EVENTUALIDADE AVALADA POR CONTAS

Na mesma liña, pronunciouse o resto de portavoces da oposición durante a defensa das súas iniciativas e emendas. "Estamos a falar de recortes, de dez anos de recortes, de amortización de prazas. É o momento de que o PP rectifique e pida desculpas", esixiu Eva Solla, do Grupo Común da Esquerda.

Fronte ao traballo da Xunta defendido por Núñez Centeo, Solla remarcou que os profesionais "non percibiron ningún tipo de cambio" na situación de "elevada" eventualidade. Tamén Montse Prado (BNG) e Francisco Casal (Grupo Mixto) situáronse no mesmo sentido, e aludiron que o problema de eventualidade constátao o Consello de Contas. "Pon a situación branco sobre negro", incidiu Prado.

Manifestación en Santiago de Compostela  dos médicos de Atención Primaria de Galicia para solicitar maior tempo de atención aos seus pacientes. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Manifestación en Santiago de Compostela dos médicos de Atención Primaria de Galicia para solicitar maior tempo de atención aos seus pacientes. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta