Por E.P. | A CORUÑA | 05/09/2019 | Actualizada ás 14:01
O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, avogou por unha alianza entre institucións, empresas e RAG para fomentar o uso do galego "con sentidiño", á vez que reclamou o "compromiso" das cidades galegas no uso do idioma.
Así o manifestou, en declaracións aos xornalistas, tras manter no palacio municipal de María Pita unha reunión coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, con quen, entre outros asuntos, abordou as necesidades da Academia, que require de "apoios económicos" para o seu funcionamento.
Para iso, comparou a situación da RAG coa da súa homóloga no País Vasco: "As participacións da Academia -a RAG- non chegan ao millón de euros, mentres que a Academia Vasca ten 3,5 millóns, o que dá unha idea das necesidades", explica Freixanes.
"Necesitamos comprometer ás cidades de Galicia no uso do idioma", asegurou o presidente da RAG, que comenta que desde a institución académica están "a traballar no uso do galego na xente nova" e "nas áreas urbanas". "Temos que seducir, non impor. Hai que implicar á xente, non obrigar", indicou o presidente da RAG, que avoga por mostrar o galego como un "idioma moderno e urbano".
UN FOMENTO "CON SENTIDIÑO"
Dentro da súa aposta pola "modernidade" do galego, Freixanes destacou que os máis novos deberían toparse con este idioma, por exemplo, en espazos de lecer, empresas, produción audiovisual ou, mesmo, na rede.
Para iso, propón unha alianza entre institucións, empresas e a RAG de cara a fomentar o uso do galego "con sentidiño". Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña destacou o "importante papel" da RAG na defensa do galego, así como o papel "colaborador" do Concello da Coruña na defensa da súa actividade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.