Peronismo en Vigo

¡Que crack o conselleiro Alfonso Rueda facendo carambolas ao billar! Consegue cabrear dunha tacada aos do PSOE (“Carlos Príncipe irrita ao PSOE ao presentar un acto de Rueda”, El País) e aos seus (“A elección do exalcalde socialista Carlos Príncipe para presentar a charla de Rueda causou perplexidade e malestar nun sector do PP vigués”, Faro de Vigo). Todo a conta do cumprimento desa promesa electoral a maior honra e gloria de Corina Porro, a nosa Evita Perón, mascarón de proa de Feijóo en Vigo, estrelado nas Municipais 2011 contra o correoso muro de Abel.

Por Valentin Carrera | Teo | 27/04/2012

Comparte esta noticia
Presentado ante a sociedade viguesa polo príncipe Caín –coma se Rueda necesitase introdutor de embaixadores en territorio inimigo-, o Conselleiro anunciou o “parto da GAMVA” (Gran Área Metropolitana de Vigo e Arredores), que planea sobre as cabezas dos vigueses e as viguesas como a boina da contaminación sobre o ceo madrileño.
 
Un, que é de Cangas do Morrazo a efectos de cartilla de navegación, enumera as estruturas administrativas da costa nostra que soporta como un costalero –en acertada definición de Albino Prada- calquera mariñeiro de Cangas:
 
1) Parroquia de Coiro, sen débedas coñecidas.
2) Concello de Cangas, 562 empregados, débeda superior a 27 millóns de euros, declarado insolvente polos Tribunais: http://bit.ly/I9JYvU.
3) Autoridade Portuaria de Vigo, estatal, dependente do MOPU.
4) Consorcio da Zona Franca, conglomerado de administracións públicas creado en 1947, depende do Ministerio de Facenda.
5) Mancomunidade do Morrazo (http://bit.ly/Ip7HIf), creada en 1995 e asfixiada por unha débeda millonaria con SOGAMA; en xaneiro debía 17 millóns de euros.
6) Deputación de Pontevedra, que pechou o 2011 cun 108% de débeda, “das máis altas de España”, chamada á orde polo Consello de Contas.
7) ¡Novidade! ¡Nova creación! GAMVA, coa súa Asemblea Metropolitana e a súa Xunta de Goberno, que empezarán a funcionar este mesmo ano.
8) Eurorregión Galicia-Norte de Portugal, 135 millóns de euros de orzamento.
9) Comunidade Autónoma de Galicia, sen débedas.
10) Reyno de España, en recesión.
11) Unión Europea de Alemaña
12) BCE, FMI, NCG Bank.
 
Crise é cando o vello non acaba de morrer e o novo non acaba de nacer. Destas doce estruturas superpostas, concorrentes e parasitarias dun mesmo territorio, sobran unhas cantas, pero ninguén se atreve a poñer o cascabel ao gato. En ausencia dunha verdadeira folla de ruta da ordenación territorial, créase esta GAMVA en territorio comanche –na Coruña non corre présa-, mentres se acouga a rebelión de alcaldes populares ata que pasen as eleccións. Propoño incluír no Área Metropolitana de Vigo ao novo municipio fusionado Cesuras-Oza dos Ríos. E, postos a facer maxia, tamén Castroforte do Baralla, s'il vous plaît. @Tornarratos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].